Escoitar

Caballero di que a nova Travesía a Nado Concello de Vigo, primeira nocturna de Galicia, ofrece unha "gran complexidade técnica"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo edil de Deportes, Manel Fernández, presentou esta mañá a primeira edición da Nocturna Concello de Vigo - Ardora 2017, unha travesía a nado con patrocinio municipal que se celebra a noite deste sábado ás 22:00 horas na praia da ETEA.

mércores, 21 xuñ 2017
1498050016travesia.JPG
Caballero, quen eloxiou o cartel promocional, unha lúa chea sobre as illas Cíes, explicou que esta proba ten "unha complexa organización técnica" para o Club Natación Vigo Rías Baixas, o seu organizador. Felicitou ao club porque "está a facer un traballo monumental pola natación. Levades anos facendo que a natación teña corpo cos máis cativos, coas ligas escolares, con todo o que se está a facer para potenciar e impulsar un deporte de gran presenza en Vigo". E é que a entidade que preside Antonio Vázquez leva cinco edicións consecutivas encargada de organizar a Liga Concello de Vigo de natación escolar e acaba de lograr o ascenso á Segunda División galega de natación.

O xefe do goberno vigués lembrou que "esta é a única proba que se fai en Galicia de noite. É unha milla náutica (1.852 metros) diferente da milla terrestre (1.609)", e tamén valorou a súa dificultade: "Non é un percorrido pequeno". Anoitecerá aos quince minutos do seu inicio, polo que os nadadores rematarán a proba xa sen luz solar.

Caballero invitou "á cidade a que a presencie porque é unha gran proba" e a continuación recibiu a camiseta que se entregará aos participantes que a conclúan.

Antonio Vázquez, presidente do Vigo Rías Baixas, explicou que "levamos un ano co proxecto, que se fixo man a man co Concello". É a segunda travesía a nado que o club organiza, pois en setembro volverá a Travesía Vigo Rías Baixas, tamén na ETEA, pero cun percorrido maior e xa pertencente ao Circuíto Galego de Augas Abertas.

"Quedáronnos curtas as prazas de inscrición", sostivo Vázquez. Son 120 nadadores de toda Galicia (de vinte clubs, incluídas entidades de triatlón e atletismo), dos que 29 son mulleres. Non houbo máis prazas "por motivos de seguridade", indicou Caballero. Ademais dos inscritos da comunidade autónoma haberá tres nadadores de Madrid que se virán ex profeso. E o paralímpico Chano Rodríguez e o novo triatleta vigués Antonio Serrat tamén estarán na saída conxunta.
 
Os permisos para este evento implicaron a tres administracións: Capitanía Marítima, Xunta e Concello. "É un proxecto complicado pero esperamos que esta sexa a primeira edición doutras moitas", dixo o directivo, acompañado por outra compañeira de xunta, Mónica Sueiro.

Os nadadores cubrirán dúas veces o circuíto deseñado dentro da dársena e irán provistos de gorros reflectantes, con barras químicas de iluminación e un sistema de iluminación de boias. "Haberá total seguridade", dixo Vázquez.

O club, de acordo co Concello, deseñou varias categorías por idade para que a travesía teña máis emoción. Así, haberá clasificacións dende sub 20 a +70.
Descargar todas as imaxes