Escoitar

O Goberno de Vigo contrata o mantemento das piscinas municipais por case 2,5 millóns

O alcalde deu conta esta mañá da contratación dos servizos de mantemento das piscinas municipais e de dous ximnasios por un valor de preto de 2,5 millóns de euros. Continuando co deporte, tamén se deu luz verde á contratación das obras de reforma do campo de O Carballal, que usará o Gran Peña.

luns, 27 mar 2017
O goberno local aprobou a adxudicación do mantemento das instalacións e dos servizos complementarios para as piscinas de As Travesas, Lavadores, Teis e Valladares, ademais dos ximnasios de As Travesas e o Berbés. O importe é de 2.460.327 euros e a adxudicataria -Clece- incluíu melloras como o importe anual para renovación de materiais ou equipos.

Tamén se deu luz verde á adxudicación provisional da contratación das obras de reforma do campo de fútbol de O Carballal-A Bandeira. Cun importe de 535.000 euros, o Concello instalará herba artificial, con sistemas de drenaxe, rego e iluminación, ademais de acondicionar un talude e peche da parcela. Posteriormente, nunha segunda fase, acometerase a reforma dos vestiarios e construirase unha gran bancada.

Outro dos asuntos dos que deu conta o rexedor foi a transferencia de 125.000 euros á Fundación Vigo en Deporte. Esta entidade, que ten por obxectivo a promoción deportiva, recibe ademais 34.000 euros como achegas de usuarios e outros 11.000 de achegas de patrocinios privados, que o rexedor agradeceu especialmente, nunha época de crise económica como a que estamos a atravesar.