Escoitar

Manel Fernández cualifica de "xornada vibrante e de paixón" o Cidade de Vigo de baile deportivo, este domingo nas Travesas

O concelleiro de Deportes advertiu ao afeccionado local que estea preparado este domingo (11:00 horas, Central das Travesas) para gozar da terceira edición do Trofeo Cidade de Vigo de baile deportivo.

xoves, 23 feb 2017
1487869181deporte.jpg
O evento presentado hoxe ponse en xogo cuns 400 participantes (a metade na competición de hip-hop) e un alto nivel de competidores ao ser puntuable para o ránking nacional standard e de baile latino e ao disputarse tamén un open internacional para o que se inscribiron as mellores parellas de Portugal

"É un acontecemento importante que vai facer que o pavillón vibre de emoción, vai ser un día marabilloso de paixón e ilusión", indicou o concelleiro, que xa acudiu o ano pasado xunto co alcalde da cidade á edición de 2016. "O pavillón de Bouzas quedounos pequeno e por iso este ano apostamos polo Central", subliñou.

Acompañado de Miguel Abreu, director deportivo do torneo; Emma López, responsable do Club Al Compás e adestradora de baile deportivo no programa municipal de escolas deportivas; e os deportistas David Vigo e Clara Pereira (Club Al Compás, baile deportivo) e Dani Barros (hip-hop), o edil sinalou que "é un pracer velos bailar e ver como evoluciona a súa formación dende as escolas deportivas", iniciadas en 2011 en Bouzas e que en seis anos duplicaron o alumnado pese ao gran número de modalidades que oferta o Concello.

Abreu lembrou que o baile deportivo está recoñecido polo CSD dende 2006 e que a federación española leva tres anos funcionando. Así, o Cidade de Vigo engloba "todas as modalidades de baile que poden ser competitivas" ademais de bailes caribeños e danza coreográfica (baile deportivo en grupos).

Dende a organización destacouse o campionato de hip-hop, que xa foi un éxito na anterior edición. Serán 200 participantes divididos en 20 grupos. "Hai moitas escolas de hip-hop en Vigo", destacaron. E o campión de España en categoría absoluta nesta modalidade é "Matissando", un grupo local. Será "unha parte moi forte do programa porque é música moi potente, hai moito calor".

Despois, ademais de bailes latinos (samba, chachachá, rumba e pasodoble) e standard (vals lento, tango, quickstep, slow fox e vals vienés), e de niveis de iniciación para pequenos, o Open Internacional promete pois entre un cento de parellas inscritas atópanse as mellores de Galicia e Portugal e os actuais campións de España de baile latino, os cataláns Guillem Pascual e Rosa Carné (Barcelona), parella número 10 do ránking mundial. Tamén están inscritos en baile latino os galegos Kevin Moreno e Marta Castaño, número 13 do ránking nacional standard.

Pola súa banda, Emma López (Club Ao Compás) advertiu de que "hai moitos nenos e nenas das escolas que van debutar en danza coreográfica" e presentou a David e Clara como "a mellor parella de Galicia, e que foron chamados para a selección española júnior; teñen un futuro enorme e naceron nas escolas deportivas municipais".

Clara Pereira subliñou que o baile deportivo "implica moito esforzo e moitas horas de adestramento", pero que "bailar é o que importa", e o seu compañeiro explicou que "o ano pasado quedamos subcampións de España júnior dúas veces".

Dani Barros apuntou respecto á súa disciplina, o hip-hop, que "hai moita paixón e sentimento detrás. Estas iniciativas axudan a consolidar este estilo, este tipo de arte, que é moi vibrante. No Cidade de Vigo podemos amosar o traballo que facemos".
Descargar todas as imaxes