Escoitar

Caballero celebra a presenza do "mellor ciclismo afeccionado" no G.P. Cidade de Vigo, a fin de semana en Areal, Porta do Sol e O Castro

O alcalde presentou unha nova edición do Gran Premio Cidade de Vigo, proba que se celebra esta fin de semana en Areal (sábado 27) e na conexión Porta do Sol-O Castro (domingo 28) co patrocinio do Concello. O evento denomínase así dende os anos 70 baixo a organización do Club Ciclista Vigués e acadou a súa edición número 43.

venres, 26 ago 2016
1472217078voltaciclista.jpg
"Estamos en tempos de ciclismo e esta é unha proba de gran tradición, ademais da mellor a nivel afeccionados pois reúne a todo o ciclismo galego de estrada", indicou o alcalde no seu encontro cos medios.

Caballero, que insistiu que en Vigo verase "o mellor do ciclismo amateur" con presenza dos clubs de Galicia, pero tamén de representación de Asturias e Castela-León, anunciou unha novidade respecto de anos anteriores: "Por primeira vez levámola ao Areal", dixo respecto da primeira xornada, que nas últimas edicións desenvolvíase en García Barbón.

As carreiras, para todas as idades (os máis cativos gozarán dunha gymkana), comezarán ás 17:00 horas. En Elite e sub 23 seguen a ser tres probas: unha de fondo de 20 voltas a un circuíto preto do antigo Rectorado, unha carreira de sprints (15 voltas) e outra de eliminación.

Na xornada do domingo marcáronse dúas probas, unha cronoescalada individual de 3,5 quilómetros ás 9:30 horas pois "a cronoescalada é un éxito moi notable", subliñou o rexedor, e unha escalada a O Castro dende o cruzamento de Camelias con Venezuela (12:00), a habitual destes anos.

"Quero invitar á cidade a que presencie as probas. Os tempos de ciclismo empezan a ser os 365 días ao ano e por iso estamos satisfeitos", manifestou Caballero.

Pola súa banda, o presidente do Club Ciclista Vigués, Carlos Vidal, agradeceu a aposta municipal por levar o ciclismo ao corazón de Vigo. "Permítenos amosalo a toda a cidade no centro?, sostivo.

Vidal lembrou que o Gran Premio é "unha carreira complicada ao realizarse no centro da cidade" que move medio cento de voluntarios do club e á Policía Local, á que agradeceu o apoio prestado "para que todo se desenvolva coa máxima seguridade".
Descargar todas as imaxes