Escoitar

O Concello aproba novas axudas para facilitar a accesibilidade en edificios sen ascensor

O goberno local quere seguir a cooperar coa mellora da accesibilidade en edificios polo que ven de aprobar novas axudas para a instalación de ascensores. As novas achegas ascenden a preto de 50.000 euros. <br />

xoves, 26 mai 2016
O goberno local deu luz verde a unha modifcación orzamentaria de preto de 50.000 euros para axudas de accesibilidade en edificios. Tal e como explicou o rexedor, o obxectivo é cooperar no finanzamento da instalación de ascensores e outros elementos para facilitar a mobilidade dos veciños.

O alcalde tamén deu conta da aceptación dunha doazón que lle fai ao Concello a naviera Mar de Ons dunha cadeira de rodas todoterreo. Valorada en case 3.500 euros, esta cadeira adaptada vaise incorporar de xeito inmediato ao programa municipal Camiño a Camiño para facilitar o desprazamento das persoas con mobilidade reducida polos montes e sendeiros da cidade.

Outro dos asuntos que aprobou o goberno local foi o convenio de colaboración coa Asociación Cultural Interfolk para a organización, bases, participación e convocatoria do XXII Festival Folclórico Internacional de Vigo. Trátase de 63.000 euros para organizar un evento no que participarán grupos de toda España, Europa e Iberoamérica e contará cunha actuación central no Teatro García Barbón. O rexedor explicou que Vigo é un referente a nivel estatal de música e baile tradicional.