Escoitar

A cidade acolle este sábado o V Trofeo Cidade de Vigo de baile, Vigo Porté, cun milleiro de participantes

A quinta edición do concurso, que nace dentro do evento internacional de baile Vigo Porté, foi presentado este venres pola concelleira de turismo e festas, Laura Iglesias, quen destacou a oportunidade que supón para a cidade a recepción dos bailaríns e visitantes que acudirán ao evento, para o que xa non quedan entradas. Desenvólvese mañá no Auditorio Mar de Vigo en sesións de mañá e tarde.

venres, 29 abr 2016
1461932504vigoporte.JPG
Máis dun milleiro de bailaríns e bailarinas chegados de toda Galicia e de León compiten mañá no V Trofeo Cidade de Vigo de baile; un concurso que nace dentro do evento internacional Vigo Porté, aberto a todas as disciplinas.

A concelleira de turismo e festas, Ana Laura Iglesias, presentou en rolda de prensa o certame e explicou que o obxectivo é encontrar a mellor coreografía de danza, para o que o Trofeo conta no xurado con bailaríns de talle internacional e está presidido polo afamado coreógrafo Javier Castillo "Poty", quen xa exerceu esa responsabilidade na anterior edición. Ademais apuntou a oportunidade que supón a presenta dos participantes e do resto de visitantes á cidade, que se calcula que pode achegarse ás 1.300 persoas.

Lorena López, directora de Vigo Porté, agradeceu a colaboración do Concello no evento, que acadou un importante éxito de convocatoria coa participación de máis dun milleiro de bailaríns e salientou a calidade das escolas viguesas, que adoitan quedar en moi boa posición. O concurso brindará ao público a oportunidade de ver 95 coreografías, entre as categorías infantil e absoluta, durante a xornada do sábado en sesión de mañá e de tarde no Auditorio Mar de Vigo.
Descargar todas as imaxes