Escoitar

As escolas infantís de Navia e Mestres Goldar inician a súa actividade

Coa apertura destes dous novos centros, o Concello conta xa con 8 escolas infantís o que, para Caballero, supón "duplicar a oferta de prazas subvencionadas" desde que chegou á alcaldía. Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a contratación do servizo de xestión da escola municipal de Santa Marta no Casco Vello e a oferta de emprego público para o ano 2016 que inclúe 58 prazas, mentres a Xerencia de Urbanismo aprobou as 140 axudas solicitadas para as Áreas de Rehabilitación Integral. <br />

venres, 8 abr 2016
O alcalde informou este venres da posta en funcionamento das escolas infantís municipais de Navia e Mestre Goldar, logo da sinatura dos os contratos coas empresas adxudicatarias, que xa se puxeron en contacto coas familias dos nenos e nenas para comezar o período de adaptación. Deste xeito, Vigo dispón agora de 8 centros infantís municipais, o que supón que o goberno local "duplica as prazas de escolas infantís subvencionadas desta forma tan notable. Fixemos máis prazas desde que eu son alcalde que en toda a historia da cidade", apuntando que a intención do Concello é continuar con esta política de dotación destes servizos á cidadanía.

Ademais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde este venres ao expediente de adxudicación da contratación do servizo para a xestión da Escola Infantil Municipal de Santa Marta – Casco Vello que está a piques de caducar e que terá unha duración de catro anos con dúas prórrogas eventuais de un ano. O Concello achega unha subvención de 214.000 euros ao ano, un apoio municipal que salienta Abel Caballero, tanto neste centro como no resto dos da cidade, cos que o goberno local quere axudar ás familias a "compatibilizar a vida familiar e laboral e darlles facilidades para que poidan desenvolver proxectos vitais". Segundo o rexedor, a axuda municipal supón o financiamento de "case o 80% do custo total da escola infantil e a metade dos que acoden a ela téñena completamente gratuíta; pagan cero euros. Queremos que as familias de poucos recursos poidan optar a levar aos seus nenos ás escolas infantís públicas".

Oferta de emprego público 2016
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a oferta de Emprego Público 2016 que inclúe 58 prazas, das que 41 son de persoal funcionario e 17 de persoal laboral, amais do 5% que queda reservado ás persoas con discapacidade. Segundo explicou o rexedor, agora ábrese o procedemento e o período de instancias para optar a esta convocatoria.

Xerencia de Urbanismo
Este venres, a Xerencia de Urbanismo aprobou as 140 axudas solicitadas para as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) para un total de 81 vivendas no Casco Vello, 23 en Bouzas, 6 en Santa Clara e 30 na zona de Bueu-Moaña. Segundo informou o alcalde, a axuda máxima por reforma ten un límite de 11.000 euros por vivenda e 30.000 para a construción das que foron demolidas. Para o programa, o Concello achega 786.000 euros para "seguir así no proxecto de rehabilitación de espazos históricos na cidade".