Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
luns, 29 de febreiro de 2016

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


As piscinas municipais serán xestionadas cun novo modelo que inclúe a reforma das instalacións

O Pleno Municipal deste luns aprobou, co apoio dos socialistas e o voto en contra de populares e Marea de Vigo, a reformulación do modelo de xestión das piscinas cubertas municipais das Travesas, Lavadores, Teis e Valadares e o ximnasio do Berbés que serán servizos levados por unha concesionaria que executará as obras necesarias para a modernización das instalacións que, nalgúns casos, superan os 20 anos de uso.

Cos votos favorables do Grupo Municipal Socialista e o rexeitamento de Marea de Vigo e Partido Popular, o Pleno deu luz verde este luns á determinación da forma de xestión do servizo público das instalacións deportivas municipais mediante a modalidade de concesión de servizos públicos con execución de obra.

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, explicou que a finais de agosto remata a concesión do servizo prestado ao longo dos últimos 25 anos por diferentes empresas cun investimento directo do Concello de 2,5 millóns de euros. Na actualidade, a rede municipal de auga conta coas piscinas cubertas das Travesas, Lavadores, Teis e Valadares e o ximnasio do Berbés, facéndose necesaria, segundo apuntou, a reforma das instalacións que, nalgúns casos, contan con máis de 20 anos de uso.

Na reformulación do modelo de xestión acabada de aprobar, explicou Manel Fernández, que se debe considerar a evolución nas demandas de disciplinas deportivas, o descenso dos usos das piscinas e a aparición de novas ofertas na cidade así como a incorporación do Instituto Municipal dos Deportes á xestión do Concello. O cambio é necesario, na súa opinión, para "atender ás novas necesidades coa modernización das instalacións cun criterio sostible".

Rubén Pérez advertiu que este cambio vai ter efectos nos prezos públicos que "os usuarios acabarán pagando" xa que entende que a concesionaria amortizará o custo das obras sobre as tarifas e preguntou pola situación do persoal do Instituto Municipal de Deportes. Tamén desde o Partido Popular, o concelleiro Miguel Fidalgo, cuestionou o futuro dos traballadores do IMD e criticou as concesións do goberno municipal. Manel Fernández asegurou que o persoal ten garantido o seu traballo.
Mais noticias
O informe de Tesourería confirma que o prazo medio de pago a proveedores en decembro foi de 10 días
A unanimidade do Pleno reclama á Xunta melloras no servizo de transporte ao aeroporto de Vigo


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003