Escoitar

Caballero solicita a Ryanair que valore ampliar conexións desde o aeroporto de Vigo

O alcalde propúxollo este xoves ao director para España e Portugal de Ryanair, despois de afirmar ambos que as tres rutas que opera este ano a aeroliña desde Vigo van "francamente ben". A ocupación media a Barcelona acadou o 90% no mes de xaneiro, a venda de billetes a Dublín vai sobre o previsto e, para Boloña, a expectativa é "excepcional", apuntou Caballero.

xoves, 4 feb 2016
1454591159ryanair.JPG
Abel Caballero e José Espartero celebraron este xoves unha reunión na Alcaldía para facer unha "primeira valoración", en verbas do alcalde, da marcha da aeroliña irlandesa en Vigo, que comezou a operar a ruta a Barcelona no mes de xaneiro e iniciará en abril as súas conexións con Dublín e Boloña.

En declaracións aos medios, o alcalde de Vigo propuxo a Ryanair que, á vista dos bos resultados obtidos ata o momento, estude a posibilidade de operar máis rutas desde Peinador. Caballero amosouse "receptivo" ás ideas da compañía irlandesa e ofreceu colaboración do Concello para incrementar a súa presenza en Vigo, sempre en base a un concurso público.

Tanto Caballero como Espartero sinalaron que a ocupación media do voo vigués a Barcelona no seu primeiro mes, en xaneiro, roldou o 90% de ocupación. O rexedor tamén valorou que a chegada de Ryanair supuxo o abaratamento dos prezos para voar á capital catalá por parte doutras aeroliñas.

En segundo lugar, a expectativa sobre as conexións viguesas con Dublín e Boloña, que comezará a operar Ryanair en abril, é "excepcional", explicou Caballero, quen abondou que a urbe italiana conta con 16 rutas nas que Vigo está xa entre as tres mellores.
Descargar todas as imaxes