Escoitar

O alcalde chama á cidadanía viguesa a loitar todos xuntos contra a violencia de xénero os 365 días do ano

O EnlazaVigo reuniu hoxe a 2.000 estudantes para conmemorar o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres con actividades informativas, lúdicas e de concienciación na rúa do Príncipe e a conformación dun tapiz humano que simboliza o berro unánime da cidade contra a violencia machista. No acto central, Raquel Doval, en representación do Consello Municipal da Muller leu un manifesto de rexeitamento desta lacra e todos os asistentes gardaron un minuto de silencio en recordo das mulleres asasinadas.

mércores, 25 nov 2015
1448458704Violenciamachista.JPG
O Día Internacional de eliminación da violencia contra as mulleres conmemorouse hoxe na cidade co EnlazaVigo, un programa de actividades dirixido á mocidade co que 2.000 estudantes de secundaria de 41 centros amosaron o seu rexeitamento á violencia machista. A rúa do Príncipe acolle a exposición colectiva con traballos do alumnado en contra desta lacra e a exposición itinerante "Violencia sexual na xuventude" amais de números de danza, coreografías e música ao aire libre.

Abel Caballero declarou que estes actos serven como forma de concienciación da mocidade xa que "a loita contra a violencia machista debe iniciarse nos colexios e institutos en idades temperás porque é unha cultura que temos que asumir e admitir", engadindo que "á xente máis nova hai que transmitirlles que atacar a unha rapaza, maltratala, é de covardes e que o que hai que facer é o contrario. Debemos levar á súa conciencia o odio total aos maltratadores dende a infancia". Tamén se referiuse á "incidencia notable desta violencia en Vigo" un feito que "debe ser o noso aliciente para traballar e facer desta unha cidade emblemática na loita contra a violencia machista, pode deterse e imos detela. Require do avance de toda a sociedade, dos máis novos, dos maiores, de todas as mulleres e todos os homes porque todos xuntos debemos estar ao lado dos novos para rexeitar esta lacra total e rotundamente".

Precisamente foron os estudantes os responsables de elaborar un tapiz humano na rúa Urzáiz baixo os lemas "Vigo en contra das violencias machistas" e "Somos quen de deter a violencia de xénero" para berrar colectivamente en contra desta violencia. O rexedor amosou o seu desexo de que "o tapiz permaneza simbolicamente nas rúas de Vigo os 365 días do ano, queremos un tapiz en contra da violencia permanente, non queremos que un só día deixe de escoitarse na cidade a voz e o clamor contra a violencia machista".

Posteriormente Raquel Doval, en representación do Consello Municipal da Muller, deu lectura ao manifesto en contra desta lacra e o alcalde apelou ao traballo de toda a cidade, especialmente da xuventude, para "loitar xuntos todas e todos, cada hora, de cada día de cada mes e cada ano". O acto rematou gardando un minuto de silencio en recordo das mulleres que morreron vítimas da violencia machista.
1448458704Violenciamachista.JPG
1448467514Tapiz.jpg
1448467588EnlazaVigo15.jpg
14484676407005190.jpg
Descargar todas as imaxes