Escoitar

Vigo acolle esta fin de semana a Supercopa de España de Judo

Preto de catrocentos deportistas acoden á cidade este sábado e domingo para competir no Gran Premio Internacional Cidade de Vigo que se celebra no pavillón de Navia, batendo marcas de participación. Na presentación do evento Manel Fernández quixo poñer en valor o torneo e sinalou o orgullo do Concello por contribuír ao seu desenvolvemento.

venres, 9 out 2015
1444392331judo.JPG
A Supercopa de España de Judo, XX Gran Premio Internacional Cidade de Vigo, congregará no Multiusos de Navia a preto de catrocentos deportistas cadetes (de 14 a 16 anos) de cinco países (España, Portugal, Alemaña, Suecia e Italia) e de dezaseis comunidades autónomas.

O Concelleiro de Deportes, Manel Fernández , presentou este venres o evento sinalando que debe "poñerse en valor porque é dos máis importantes no ámbito desta competición, polo que é un orgullo contribuír ao seu desenvolvemento".

No acto, Mario Muzas, presidente da Federación Galega de Judo, agradeceu a colaboración do Concello de Vigo polo seu apoio ao deporte e mencionou o éxito desta convocatoria que "bate marcas" destacando a calidade da competición que xa está consolidada a nivel nacional e tamén internacional e que é puntuable para os campionatos de España e Portugal. Engadiu que Galicia terá amplia representación con preto de 70 judocas, dos que arredor dunha vintena son vigueses.

O pavillón de Navia é a sede permanente do evento dende o outono de 2011, logo de celebrarse nas Travesas, Coia, O Berbés e Bouzas. Dende este sábado pola mañá haberá seis tatamis dispostos para a competición, que se inicia cos pesos masculinos. As categorías femininas comezarán ás 13:30 horas. A loita polas medallas de bronce terá lugar ás 16:00 horas e polas finais, sesenta minutos despois. Manel Fernández convidou a toda a cidadanía a asistir ao Pavillón Municipal de Navia que ten entrada gratuíta.
Descargar todas as imaxes