Escoitar

O plan parcial de Cabo Estai Norte incluirá un 60% de vivendas de protección

Abel Caballero explicou esta mañá que o plan parcial de Cabo Estai Norte contempla a construción de 709 vivendas, das que o 60% son de protección. Na Xerencia de Urbanismo tamén se aprobou a licenza para que o antigo colexio Cluny se convirta nunha residencia de anciáns.

xoves, 8 out 2015
A Xerencia de Urbanismo aprobou inicialmente o plan parcial de Cabo Estai Norte, unha actuación de iniciativa privada "moi importante". Tal e como explicou o alcalde en rolda de prensa, trátase de edificacións multifamiliares en catro alturas e vivendas unifamiliares. A edificabilidade residencial é de 102.000 m2, cunha estimación de 709 vivendas, das que 425, o 60%, son de protección. Respecto do aproveitamento municipal, Caballero situouno no 10% o que lle permitirá ao Concello contar con 85 vivendas municipais para "ceder ás familias que o precisen". O plan inclúe 40.000 m2 de zonas verdes e tres parcelas independentes que se usarán previsiblemente para construír unha escola infantil, un centro social e outro deportivo. Esta "gran" urbanización ten un custo estimado de 19 millóns de euros

Na mesma sesión da Xerencia tamén se aprobaron licenzas por valor de case 4 millóns de euros. Entre elas, destaca a autorización para Intercentros Ballesol que vai converter o antigo colexio Cluny (Gran Vía) nunha residencia para maiores.

O alcalde tamén deu conta da tramitación de 743 comunicacións previas entre os meses de xuño e xullo. Destas, 175 son de obra, 396 de obras menores e 172 de actividade.