Escoitar

O Concello promove a restauración de 136 vivendas a través da nova oficina de rehabilitación

A Xerencia de Urbanismo deu luz verde este xoves á autorización de gasto para a contratación do servizo da oficina de rehabilitación de vivenda, cun importe de case medio millón de euros. O obxectivo é seguir co Plan de Rehabilitación co arranxo de 136 vivendas en diferentes zonas da cidade. Ademais, a Xunta de Goberno Local realizou a proposta de adxudicación de 7.000 euros de axudas para as actividades xuvenís.

xoves, 17 set 2015
O alcalde de Vigo informou hoxe da aprobación por parte da Xerencia de Urbanismo dos pregos e a autorización de gasto para a contratación do servizo da oficina de rehabilitación de vivienda, que continuará desenvolvendo o Plan de Rehabilitación, a través do cal se promoverá a restauración de 136 vivendas en diferentes zonas do Concello.

As 136 actuacións contempladas no Plan de Rehabilitación corresponden a 50 vivendas no Casco Vello, 20 en Bouzas, 48 nas rúas de Moaña e Bueu e 18 Santa Clara. Segundo explicou Abel Caballero a rehabilitación "nalgúns sitios é de urxencia perentoria como é o caso do casco vello ou Bouzas pero tamén nas vivendas de Santa Clara, que a precisan con premura".

Estas actuacións, que teñen un importe de case medio millón de euros, van ser tramitadas en canto a Xunta de Galicia dispoña o día para a firma. Con todo, para o alcalde vigués "a nosa vontade e vocación é total e vaise proceder á rehabilitación desas 136 vivendas".

Acordos da Xunta de Goberno Local
A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves pola mañá aprobou o proxecto de reparación da calzada na rúa Tomás Alonso, na zona anterior á curva de San Gregorio, onde hai zonas que aínda non se humanizaron e que teñen o firme danado. O rexedor anunciou que o Concello inslará unha tubaxe de drenaxe conectada aos pozos de rexistro das augas pluviais. Estas obras de humanización adicionais prolongaranse dous meses e supoñen un investimento de 98.000 euros.

Ademais, a Xunta de Goberno fixo a proposta da concesión de axudas municipais para o fomento das actividades xuvenís do ano 2015. Trátase dun importe de 7.000 euros que quedarán distribuídos entre a Asociación Xuntanza Xuvenil, a Asociación Xuvenil XenteNova, a Asociación Xuvenil do CSCR Beade e a Asociación Cultural Xuvenil Arcadia.