Escoitar

O Concello cederá a Xunta en setembro preto de 5.000 m2 para a construción da Cidade da Xustiza

O alcalde avanzou que o Concello cederá en setembro preto de 5.000 m2 á Xunta de Galicia para construir a Cidade da Xustiza. Cun custo para as arcas municipais de case 4 millóns de euros -dos que 2,6 foron investidos en expropiacións-, Caballero lembrou o compromiso de Feijóo de licitar o proxecto este mesmo ano.

venres, 10 xul 2015
O goberno local deu luz verde esta mañá ao proxecto de expropiación da primeira fase dos terreos para a construción da Cidade da Xustiza, que poderán estar á disposición da Xunta no mes de setembro. Cun orzamento de 2,6 millóns, expropiáronse 18 parcelas e 6 vivendas, unha cantidade económica á que hai que sumar 1,2 millóns de euros dunha parcela pública que non tivo que ser expropiada. Deste xeito, apuntou, o Concello investiu preto de 4 millóns de euros nos terreos que cecerá á Xunta para construir as dotacións xudiciais, cunha superfice de preto de 5.000 m2 dos que 3.000 tiveron que ser expropiados.

Segundo explicou o rexedor en rolda de prensa, este acordo comunicarase aos afectados de xeito individual e estes terán un prazo de 20 días hábiles para manifestar a súa disconformidade. Pasado ese tempo, entenderase por aceptada a proposta. Respecto das alegacións presentadas no periodo de exposición pública, estimáronse totalmente 8, parcialmente, 7 e desestimáronse 5.

No tocante aos dereitos de realoxo recoñecidos, explicou, desestimáronse 2 e o resto foron estimados. Catro deles, consideranse integrados na indemnización percibida pola expropiación; unha solicitou unha vivenda municipal en Navia que lle permitirá vivir dez anos improrrogables sen pagar renta, só aboará os gastos de comunidad, auga e luz. Trátase, detallou, dunha familia de cinco membros, un deles, un bebé. Outra das familias -con dous membros- realoxadas percibirá unha indemnización de 1.716,10 euros, a petición do interesado que non quería un realoxo nunha vivenda municipal. Nos outros dous casos, os realoxados poderán optar por unha vivenda municipal -tamén durante dez anos- ou recibir unha indemnización de 24.563 euros.

Caballero concluíu lembrando que a Cidade da Xustiza foi un dos temas abordados na reunión con Feijóo e referiuse ao compromiso do presidente galego de licitar este proxecto no ano en curso para o que será preciso, incidiu, unha modificación orzamentaria nas contas da Xunta.

Gerencia
Por outra banda, na Xerencia de Urbanismo de onte xoves, aprobáronse axudas á rehabilitación para un edificio na rúa Esperanza, por valor de 92.000 euros. Tamén se concederon 12 licenzas de obra e 2 de actividade para un investimento de 257.879 euros.