Escoitar

O goberno de Vigo amplía en 100.000 euros a partida para axudas de emerxencia

Así o comunicou este venres Abel Caballero, despois da Xunta de Goberno Local que acordou elevar en 100.000 euros os case 500.000 euros destinados a axudas de emerxencia, fundamentalmente para pagos de vivenda, suministros e alimentación. O Concello tamén aprobou hoxe o proxecto de humanización de Marqués de Valterra e deu luz verde á licitación da xestión de tres escolas infantís municipais.

venres, 10 xul 2015
O alcalde de Vigo informou este venres da ampliación en 100.000 euros da partida orzamentaria reservada polo Concello para axudas de emerxencia social, que se achega ao medio millón de euros. Segundo explicou Caballero, as axudas diríxense básicamente a familias que precisan de apoio para pagos de vivenda, suministros e alimentación.

A dotación prevista está "practicamente esgotada", segundo expuxo Caballero, polo que se procede a esta ampliación en 100.000 euros e "seguramente en mes e medio" se fará outro incremento pola mesma cantidade. "Nunca imos deixar que ningunha situación de emerxencia se quede sen axuda por falta de orzamento", asegurou o rexedor.

O pasado ano 2014, o goberno dirixido por Caballero tamén incrementou a reserva de crédito para facer fronte ás solicitudes de axudas de emerxencia, que en total superaron as 3.000 cun gasto de case 650.000 euros.

Outros acordos
Abel Caballero informou asemade da aprobación do procedemento de licitación dos servizos para a xestión das escolas infantís municipais de Santa Cristina de Lavadores, Atalaia de Teis e Costeira en Saiáns, cun importe total de máis de 2,6 millóns de euros, máis IVE.

A axuda pública municipal en cada escola infatil ascende a 220.000 euros anuais, tal e como explicou o alcalde, case 700.000 euros cada ano de "subvención" desde o Concello nestes tres centros que permite que a metade dos usuarios nas escolas infantís municipais paguen "cero euros", salientou Caballero.

En segundo lugar, o rexedor vigués deu conta da aprobación do proxecto de humanización da rúa Marqués de Valterra. Caballero recordou que, polo falecemento do propietario da empresa adxudicataria, houbo que rescatar o contrato de humanización, xa aprobada con anterioridade, e sacalo novamente a licitación.