Escoitar

O concelleiro de Deportes anuncia que a Vigobike disputarase en tres fins de semana en Coruxo e Candeán con carácter internacional

O Trofeo Cidade de Vigo de bicicleta de montaña arrinca esta fin de semana nos montes de Coruxo coa disputa da primeira das tres probas que este ano compoñen o programa.

martes, 10 mar 2015
1426004009bici.JPG
O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou hoxe o evento, que conta co patrocinio municipal (económico e loxístico) e promete outro éxito de participación. "Vigo segue a ser a cidade do enduro e aquí temos unha das probas máis importantes e referencia principal nestas disciplinas", sinalou o edil.

A organización, a cargo de Singletrack Outdoor Sports, deseñou un cartel con novidades. Así, o trofeo distribúese en tres datas, en marzo (día 15), abril (12) e maio (10), dando protagonismo a tres categorías diferentes e ampliando a expectación polo evento durante dous meses. A outra sorpresa, a extensión das probas ao monte Vixiador, alternándoas entre Coruxo e Candeán.

"A Vigobike é un dos eventos tradicionais no calendario", subliñou o concelleiro de Deportes, que lembrou que este campionato naceu no século pasado (1999) e o seu bo traballo procuroulle acadar a honra de ser a vicedecana de todas cantas celébranse en España.

Manel Fernández estivo rodeado na presentación do evento por un ramillete de campións. Acudiron Rubén Rodríguez, subcampeón de España de Enduro; Toni Pérez, campión nacional de Enduro Máster 30; Brandán Márquez, un top en Maratón; Alejandro Caamaño, ganador da edición de 2014; Rosi Martínez e Angel Suárez, ademais do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz.

Este domingo haberá 300 participantes no Enduro en Coruxo (30 quilómetros por Coruxo, Saiáns, San Miguel de Oia, Chandebrito e Priegue), o domingo 12 de abril correrase a proba de Maratón Transgalaica no Vixiador (Candeán), con 400 participantes para disputar 60 quilómetros, e a serie do Cidade de Vigo pecharase o domingo 10 de maio coa proba puntuable para o Open de España de descenso, con 2 quilómetros de percorrido en Coruxo, 250 participantes, representación portuguesa e enorme nivel.
Descargar todas as imaxes