Escoitar

Air Nostrum conectará Vigo con 8 destinos ao adxudicarse o concurso de promoción turística do Concello

A Xunta de Goberno Local celebrada este venres adxudicou definitivamente o contrato de promoción turística de Vigo á compañía, segundo expuxo o alcalde, ao presentar a mellor oferta, cunha baixa de case 600.000 euros sobre o prezo de licitación e o compromiso de abrir oito rutas: Gran Canaria, Sevilla, Málaga e Londres no 2015, aos que se sumarán Alicante, Menorca, Bruxelas e Roma en 2016. No 2017 manteranse os oito destinos, segundo o contrato.

venres, 14 nov 2014
O contrato de promoción turística de Vigo en mercados nacionais e internacionais mediante conexións aéreas foi adxudicado definitivamente á compañía Air Nostrum, tal e como informou Abel Caballero ao remate da Xunta de Goberno Local deste venres.

Air Nostrum abrirá o ano que ven conexións con Vigo desde Gran Canaria, Sevilla, Málaga e Londres, mentres que no 2016 sumarán rutas a Alicante, Menorca, Bruxelas e Roma, mantendo os oito destinos tamén no 2017. A aérea ofertou unha baixa de case o 18% sobre o prezo da licitación, quedando o contrato plurianual fixado en 2.928.000 euros, desde este ao ano 2017.

A compañía operará un total de 960 voos, afirmou o alcalde, quen salientou que Peinador conta cos seguintes destinos comprometidos para os próximos anos: Valencia, Ibiza, Palma de Mallorca, Madrid, Barcelona, París, Bilbao, Gran Canaria, Sevilla, Londres, Málaga, Bruxelas, Roma, Alicante, Menorca e Tenerife.

Abel Caballero explicou, tras cinco meses consecutivos de crecemento de pasaxeiros no aeroporto de Vigo, que a evolución positiva nos próximos dous anos será maior e que este contrato de promoción turística "non será o último que fagamos" desde o Concello para a potenciación de Peinador, unha infraestrutura que considerou vital para unha urbe económica e industrial como Vigo.