Escoitar

Caballero aplaude a "enorme mobilización" do Día do Patín e as demais exhibicións de peche das escolas deportivas municipais 2013-2014

Este sábado, coa festa do patín, o evento da modalidade que reúne a máis deportistas en toda Galicia, comeza a clausura das escolas deportivas municipais, o programa estrela do deporte de formación que no curso 2013-2014 traballou con 4.000 nenos e nenas co apoio do Concello de Vigo.

xoves, 15 mai 2014
1400159401deportes.JPG
Dende este sábado 17 de maio ao 7 de xuño, as escolas que de outubro a este mes desenvolveron o seu traballo irán concluíndo con exhibicións por deportes. Estímase que moverán a unhas 15.000 persoas, entre nais, pais, corpo técnico e o alumnado. "É unha enorme mobilización de xente", sinalou o alcalde da cidade, Abel Caballero, na presentación hoxe no Concello da serie de eventos seleccionados, na que estivo acompañado polo concelleiro de Deportes e presidente do IMD, Manel Fernández.

O rexidor entende que esta fin de tempada programada "supón recoñecer o esforzo de nenos e nenas na práctica dos seus deportes e estimulalos para que continúen a vindeira campaña".
Precisamente o acto que dá inicio á clausura será o máis numeroso de todos: 2.100 patinadores e patinadoras de Vigo e a súa área de influencia cítanse este sábado de 9 a 14:00 horas e dende as catro do serán ás nove. O Pavillón Central das Travesas baterá récords (supérase a cifra doutros anos) e a organización previu facer dúas clausuras, unha matinal (13:45) e outra ao remate da xornada (20:30), co que o coliseo vigués rexistrará un cheo total tanto pola mañá como na sesión de tarde.
Os grupos de patinadores realizarán un total de 124 coreografías, con duración máxima de catro minutos. O carácter excepcional deste peche de tempada dáo que participan nel non só as propias escolas deportivas municipais e cinco clubs locais (Vagalume, Carpa, Castrelos, Coruxo e A Guía), senón tamén dúas entidades da mancomunidade (Volvoreta de Redondela e Luar de Ponteareas), numerosos colexios de Vigo (Apóstol Santiago, Doutor Fleming, García Barbón, El Castro San Miguel, Balaídos, Labor, Coutada, Sárdoma Moledo, Josefa Alonso...) e da provincia (Santiago Apóstol de Soutomaior, Randufe de Gondomar, Antonio Palacios do Porriño), e empresas que imparten cursos de patinaxe (Koremi e Disport).

O segundo momento estelar das escolas municipais tamén ten data: o 31 de maio, con 800 ximnastas nas Travesas e preto de 3.000 espectadores na festa do Día da Rítmica, que tamén se realiza de forma ininterrumpida dende 1997. E a terceira gran concentración deportiva sucederá o sábado 7 de xuño, no IMD de Samil, con cincocentos nenos e nenas da escola de fútbol.
As escolas deportivas 2013-2014, con 4.000 nen@s, englobaron a 46 entidades deportivas en 26 modalidades, cun investimento municipal de 280.000 euros a través do Instituto Municipal dos Deportes (IMD).
Descargar todas as imaxes