Escoitar

O Concello celebrou unha quedada literaria coa participación de 500 escolares de Infantil a Bacharelato

Abel Caballero acudiu hoxe xoves a Castrelos, onde o goberno local organizou a I Quedada Literaria 2014 de Vigo e bisbarra, coa participación de medio millar de alumnos, de Infantil a Bacharelato, procedentes de oito centros. A Quedada pecha os obradoiros literarios que organiza o Concello durante o curso e enmárcase na celebración do Día das Letras Galegas, que homenaxea a Díaz Castro.

xoves, 15 mai 2014
1400159462castrelos.JPG
Esta iniciativa supuxo o fin de festa dos obradoiros literarios organizados e celebrados polo Concello durante o curso escolar, en colaboración cos propios colexios. A Quedada Literaria citou en distintos puntos do parque de Castrelos a 500 alumnos de oito centros de Vigo e bisbarra, que fixeron lectura individual e compartida, contacontos, intercambiaron portadas de libros, etc.

Ademais, conducido pola actriz Uxía Blanco, tivo lugar unha posta en común das lecturas nos xardíns do Pazo Quiñones de León, cos mozos e mozas recitando, cantando e contando. A Quedada enmárcase na celebración do Día das Letras Galegas, o 17 de maio, que no 2014 recorda a figura de Xosé María Díaz Castro.

O alcalde animou aos rapaces a "dar valor" ao galego e convertelo en lingua vehicular de Galicia no Día das Letras Galegas e durante o resto do ano. "Aquí queremos o galego, a Galicia e queremos liderar Galicia", incidiu el rexedor, quen fixo fincapié en que no sur da provincia se seguirá "falando, escribindo, estudando, creando ciencia e poesía en galego".
Descargar todas as imaxes