Escoitar

O Concello espera acadar os 15.000 participantes nas carreiras populares de 2014

A sexta edición do Circuíto Cidade de Vigo de carreiras populares, que comeza este domingo no Calvario (III Correndo por Vigo) e rematará o 21 de decembro na Alameda (LIII Gran Premio Pedestre de Nadal) contará co número máis elevado de probas da súa historia, dez, incluirá a Media Maratón de Vigo, como anunciara o pasado ano o alcalde da cidade, Abel Caballero, na presentación da edición anterior, e espera que a febre polas carreiras en ruta some 15.000 participantes nas probas de 2014.

venres, 10 xan 2014
1389364147carreras.JPG
Na presentación, no Concello como patrocinador único desta idea dende 2009, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, reuniu aos organizadores de nove das dez probas deste circuíto dotado con 9.200 euros en premios. Xunto a el atopábanse Álvarez Salgado, en representación da Federación Galega de Atletismo (Nocturna de San Xoán, Vigo+11 e Pedestre de Nadal) e da súa propia entidade organizadora (Medio Maratón de Vigo e 10 km Praia de Samil), Pilar Ruiz (Vig-Bay), Guillermo Janeiro (Subida ao Castro) e David Posada (Correndo por Vigo).

Baixo o lema "Correr nunca foi de cobardes", o edil asegurou que "este conxunto de carreiras chea de ilusión, ánimo, impulso e satisfacción ao atletismo vigués", e destacou o boom desta disciplina "vinculada ao deporte saudable".

Por segunda oportunidade na súa historia, o circuíto sumará dúas medias maratones xa que "incorporamos a Media de Vigo, o segundo domingo de maio", lembrou o responsable do deporte vigués. En 2010 figuraba na segunda edición deste circuíto municipal a Media Maratón Cidade de Vigo, pero desapareceu e agora ocupa a súa praza a tradicional Media de Vigo con Álvarez Salgado á fronte, recuperada para o calendario atlético o ano pasado tras anos de ausencia.

Manel Fernández anunciou que o reto municipal para este ano "é que as carreiras populares que se celebran na cidade superen os 15.000 atletas participantes que corran no conxunto destas probas". En 2013 houbo quince citas competitivas sobre asfalto, tanto organizadas por clubs e federación como para causas solidarias (nove do circuíto).

O Concello manterá como en 2013 o mesmo orzamento para a dotación económica dos premios (9.200 euros, a repartirse entre os tres primeiros de cada unha das dez categorías, cinco masculinas e cinco femininas), e os atletas que corran a totalidade de eventos recibirán un diploma.

As probas que compoñen este circuíto e que sumarán uns 112 quilómetros para correr por asfalto serán a III Correndo por Vigo (12 de xaneiro), XV Medio Maratón Vig-Bay (6 de abril), VIII 10 km Cidade Universitaria (27 de abril), XIII Media Maratón de Vigo (11 de maio), XXXI Nocturna de San Xoán (23 de xuño), V Xornadas Marisqueiras do Berbés (7 de setembro), III 10 km Praia de Samil (28 de setembro), VIII Vigo+11 (19 de outubro), IX Subida ao Castro (14 de decembro) e LIII Gran Premio Pedestre de Nadal (21 de decembro). Con esta oferta o circuíto ten presenza activa en sete meses do ano natural.

Ademais, Manel Fernández anunciou que a gala das carreiras populares 2013 terá lugar ás 20:00 horas do vindeiro 7 de febreiro no auditorio municipal de Praza do Rei. Por segundo ano consecutivo elíxese ese escenario, céntrico e representativo, aínda que nesta oportunidade o edil quere que sexa "a festa do atletismo" en xeral e non só das carreiras populares.
Descargar todas as imaxes