Escoitar

Abelairas chama á participación da muller no XVIII Encontro Sindical das Mulleres

A concelleira de Igualdade presentou este xoves a xornada, a celebrarse mañá no Hotel Coia, xunto ás secretarias de Igualdade de Comisións e CIG. Abelairas invitou ás mulleres a participar para "informarnos e concienciarnos" da situación actual, pois "é o momento" de difundir e reivindicar os dereitos das mulleres ante os recortes.

xoves, 17 out 2013
1382008053isaura.JPG
Segundo explicou esta mañá Isaura Abelairas, este novo encontro debe servir para avanzar e dar novos pasos cara á igualdade real de homes e mulleres, unha vez que éstas están a padecer máis directamente os recortes en materia de igualdade ou dependencia, entre outros.

A propia Abelairas, xunto ás secretarias de Igualdade dos tres principais sindicatos, darán comezo á xornada ás 10 horas coa inauguración, que terá a súa continuación media hora despois co obradoiro sobre recursos e estratexias de comucación. Ás 12 horas celebrarase unha mesa redonda sobre as mulleres sindicalistas que abordará asuntos como a igualdade no sindicalismo, a estrutura e o modelo de participación e a motivación para a permanencia no sindicato.

Pola tarde, desde as 16 ás 19 horas, os asistentes presenciarán distintas charlas-coloquio con temáticas como as desvantaxes laborais por razóns de xénero e os criterios de acceso e promoción nas empresas, as medidas e recursos para ampliar a presenza feminina nos sectores subrepresentados, e as distintas caras da violencia: a económica, a laboral e a violencia de xénero. As tres sesións, ao igual que os actos da mañá, serán impartidas por expertos na materia.

Como novidade deste ano, tal e como se indicou durante a presentación en rolda de prensa, a edición 2013 do Encontro conta cunha páxina en Facebook (encontrosindicaldasmulleres) e un blog de divulgación da cita (encontrosindicaldasmulleres.wordpress.com).
Descargar todas as imaxes