Escoitar

Fangoria retoma este venres o programa municipal de festas tras o loito polo accidente de Santiago

O alcalde informou este martes das novas datas do programa municipal "Vigo en Festas 2013" para os espectáculos que foron aprazados polo loito oficial decretado tras o accidente ferroviario en Santiago. Fangoria actuará en Castrelos este venres e a Coral Casablanca, o sábado.

martes, 30 xul 2013
Fangoria actuará este venres no auditorio de Castrelos ás 23 horas, un concerto previsto para o venres pasado xunto a Love of Lesbian, que non poderán actuar na cidade ao atoparse de xira por América.

Tamén ás 23 horas no auditorio ao aire libre de Castrelos, a Coral Casablanca ofrecerá de balde a súa proposta este sábado, 3 de agosto. O domingo, 4 de agosto, ás 23: 15 horas en Castrelos, a celebración da VI edición do Certame de Orfeóns. Castrelos tamén será sede do segundo Festival da Rede Europea de Orquestras Folk, tres conxuntos que actuarán o 18 de agosto ás 20:30 horas con entrada gratuita.

O concerto de Pablo Alborán, tamén suspendido por solidariedade coas vítimas da traxedia de Santiago, terá finalmente lugar o 14 de agosto, as 21:30 horas. O sábado, 10 de agosto, ás 21 horas, o Auditorio Pazo de Congresos "Mar de Vigo" acollerá a representación da ópera "L'elisir d'Amore" de Donizetti.

Xunto aos devanditos concertos, a programación municipal "Vigo en Festas 2013" inclúe unha semana infantil, a semana de teatro familiar e a semana da mocidade; o programa cultural A Noite Branca, Expocaixa Tecnorevolución, o ciclo "Vigo, un mar de Bandas", o Festival Folclórico Internacional, CastroConcertos, Animacións de rúa, o Maratón Fotográfico e as Festas Gastronómicas, ademais da Procesión do Santísimo Cristo da Vitoria e a Festa de San Roque.