Escoitar

O alcalde anuncia o inicio do prazo dun mes para solicitar as 7 vivendas que o Concello ofrece a persoas desafiuzadas

O próximo 11 de xullo rematará o prazo para solicitar as sete vivendas de titularidade municipal de Navia que o Concello facilita a persoas afectadas por execucións hipotecarias na cidade. Abel Caballero reiterou que o obxectivo do goberno local é realoxar temporalmente a familias viguesas durante dous anos, sen ter que pagar aluguer.

mércores, 12 xuñ 2013
1371049730Imagen010.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes a decisión do goberno que preside de poñer sete pisos do Concello en Navia a disposición de persoas que foron desafiuzadas polos bancos da súa vivenda habitual na cidade, sete que se suman a outros tantos que lle corresponden a Vigo do SAREB ou "banco malo", derivado da adhesión da cidade ao convenio estatal.

Segundo explicou Caballero, o obxectivo do goberno local é realoxar temporalmente a familias viguesas que foron desafiuzadas e ubicalas, durante un periodo de dous anos prorrogables por outros seis meses, nos sete pisos do Concello en Navia, sen ter que pagar aluguer algún e cos únicos gastos dos servizos e da comunidade, e o pago de 50 euros de garantía.

O alcalde apuntou que o goberno local está "absolutamente volcado no apoio" aos afectados e en "evitar os desafiuzamentos", e recordou que nin a Policía Local nin os Bombeiros colaboran nas execucións hipotecarias e o goberno de Vigo non negocia con entidades financeiras que as leven adiante.

Para optar ás sete viviendas, os pisos embargados debían ser os habituais, estar no termo municipal de Vigo e non poden derivar dunha hipoteca superior aos 180.000 euros, que ninguén dos interesados teña unha vivenda en propiedade, que estean empadroados en Vigo desde hai un ano e que a unidade convivencial teña ingresos non superiores a 1,5 veces o IPREM. A medida ten efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2008.

Dentro dos que cumpran os requisitos para optar, o goberno de Vigo concederá prioridade -e por tanto unha maior puntuación no baremo- ás familias numerosas, con menores ao seu cargo e con todos os seus membros no paro, ás vítimas de violencia de xénero e ás persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33%.

Abel Caballero anunciou a creación dunha Comisión de Valoración conformada por técnicos municipais, sen ningún cargo político, para puntuar e baremar as solicitudes. A Comisión estará presidida pola xerente de Urbanismo, cos xefes de área de Benestar, Igualdade e Vivenda como vocais e un administrativo de Vivenda como secretario.
Descargar todas as imaxes