Escoitar

O alcalde anuncia a cesión por dous anos de sete vivendas do Concello a persoas desafiuzadas

Caballero avanzou hoxe martes que o Concello disporá sete vivendas de titularidade municipal en Navia para persoas afectadas por execucións hipotecarias na cidade, sen pagar aluguer. Se trata de "outra decisión máis na nosa posición de loita contra os desafiuzamentos e de apoio aos afectados".

martes, 30 abr 2013
1367322894alcalde6.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes a decisión do goberno que preside de poñer sete pisos do Concello en Navia a disposición de persoas que foron desafiuzadas polos bancos da súa vivenda habitual na cidade, sete que se suman a outros tantos que lle corresponden a Vigo do SAREB ou "banco malo", derivado da adhesión da cidade ao convenio estatal.

Segundo explicou Caballero, o obxectivo do goberno local é realoxar temporalmente a familias viguesas que foron desafiuzadas e ubicalas, durante un periodo de dous anos prorrogables por outros seis meses, nos sete pisos do Concello en Navia, sen ter que pagar aluguer algún e cos únicos gastos dos servizos e da comunidade, e o pago de 50 euros de garantía.

O alcalde apuntou que o goberno local está "absolutamente volcado no apoio" aos afectados e en "evitar os desafiuzamentos", e recordou que nin a Policía Local nin os Bombeiros colaboran nas execucións hipotecarias e o goberno de Vigo non negocia con entidades financeiras que as leven adiante.

Para optar ás sete viviendas, os pisos embargados debían ser os habituais, estar no termo municipal de Vigo e non poden derivar dunha hipoteca superior aos 180.000 euros, que ninguén dos interesados teña unha vivenda en propiedade, que estean empadroados en Vigo desde hai un ano e que a unidade convivencial teña ingresos non superiores a 1,5 veces o IPREM. A medida ten efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2008.

Dentro dos que cumpran os requisitos para optar, o goberno de Vigo concederá prioridade -e por tanto unha maior puntuación no baremo- ás familias numerosas, con menores ao seu cargo e con todos os seus membros no paro, ás vítimas de violencia de xénero e ás persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33%.

Abel Caballero anunciou a creación dunha Comisión de Valoración conformada por técnicos municipais, sen ningún cargo político, para puntuar e baremar as solicitudes. A Comisión estará presidida pola xerente de Urbanismo, cos xefes de área de Benestar, Igualdade e Vivenda como vocais e un administrativo de Vivenda como secretario.
Descargar todas as imaxes