Escoitar

Caballero destaca a "boa oferta" de espectáculos programada no Auditorio municipal para abril e maio

O alcalde, Abel Caballero, e o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, presentaron este mércores a programación para abril e maio no Auditorio Municipal, 18 espectáculos musicais, teatrais e de danza para todos os públicos e con prezos máximos de 7 euros.

mércores, 27 mar 2013
1364389222auditorio.JPG
Abel Caballero presentou unha oferta "variada" de 18 espectáculos, para público adulto e familiar, de música, teatro e danza, 13 das cales forman parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

O alcalde agradeceu a colaboración "inestimable" do Conservatorio Superior de Música, que ofrecerá dous concertos de balde, os días 30 de abril e 2 de maio, como parte da Semana da Música de Cámara. Caballero subliñou as actuacións previstas para celebrar o Día Mundial da Danza: "Loira", o día 26 de abril para público adulto, e "Otradanza", o próximo 28 para público familiar.

O goberno de Vigo programa igualmente a estra da obra "Anxeliños", baseada nun traballo de Roberto Vidal Bolaño, para o próximo 18 de maio, en conmemoración do Día das Letras Galegas, e con entradas a 3 euros. Os espectáculos de pago terán prezos de 5 e 7 euros, 3 para os menores de 12 anos nas obras familiares. As entradas estarán á venda en Servinova e na Central de Espectáculos.

Abel Caballero indicou que "estamos planteando unha boa oferta" para o Auditorio municipal cun "esforzo financeiro considerable", pois o Concello achega 45.000 euros, o mesmo que o pasado ano. O alcalde censurou que a Xunta de Galicia aplica este ano un "recorte moi importante na cultura que ofrece en Vigo", rebaixando a partida de 46.000 a 22.000 euros, ademais de retrasar "cinco meses" a saída da convocatoria de subvencións.
Descargar todas as imaxes

Máis información