Escoitar

O Concello elabora unha ordenanza para axilizar e acurtar prazos na concesión de licenzas urbanísticas

Abel Caballero informou que a Xerencia de Urbanismo acordou este venres elevar ao Pleno a eventual aprobación inicial desta nova ordenanza, que ten como obxectivo ser máis eficaz e acurtar os prazos na concesión das licenzas de obra e actividade.

venres, 8 mar 2013
O alcalde indicou que este proxecto de ordenanza reguladora, elaborado pola Xerencia de Urbanismo, será tratado polo Pleno da Corporación para a súa aprobación inicial e, de producirse, contará con 30 días hábiles como mínimo de información pública.

En liñas xerais, a normativa preparada polo goberno local clarifica e especifica nun único impreso a documentación a achegar polo interesado para cada tipo de obra ou actividade das que se poden solicitar. Caballero asegurou que o novo texto permitirá axilizar o procedemento administrativo, reduce a emisión de notificacións intermedias e, polo tanto, se acortan os prazos e gaña en eficacia. Ademais, a ordenanza adecúa o procedemento municipal aos últimos cambios normativos incorporados polas administracións autonómica, estatal e europea.

Precisamente ao longo desta semana, a Xerencia de Urbanismo concedeu 29 licenzas de obra e outras 7 de actividade para un investimento total superior aos 852.000 euros.