Escoitar

Preséntase no MARCO o libro ‘LA MOSCA TRAS LA OREJA: de la música experimental al arte sonoro en España’ de Llorenç Barber e Montserrat Palacios

Este venres 23 de novembro,ás 20 horas, dentro das actividades programadas polo Festival Chámalle X, organizado pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra, o MARCO acollerá a presentación do libro La mosca tras la oreja: de la música experimental al arte sonoro en España. A presentación estará a cargo dos seus autores, Llorenç Barber e Montserrat Palacios.

mércores, 21 nov 2012
1353504339mosca.jpg
Falar de La mosca tras la oreja é enfrontarse a un tránsito fundamental para entender o mundo radicalmente novo no que vivimos: tránsito que vai dende un concibir arte e música como recreo, virtuosismo ou produto, sono ou especulación; a outro, inconcreto e en perpetua disolución, en que o enfáse xa non se pon en compoñer senón en dispoñer, non en concibir senón en recibir, non no son en si —un son son todas as maneiras de ser escoitado—, non no instrumento, nin sequera no tempo, senón na situación creada e en todas as conexións que tal situación é capaz de xerar en quen se interna nela.

La mosca tras la oreja expón ese (ás veces) tortuoso e fluído ‘devir’ no que tantos e tan disímiles músicos, a-músicos, non-músicos e demais propositores confluíron. Ordenar, expoñer máis que explicar, e, se acaso, explicitar subxacentes intencións, prácticas, pensamentos e demais vicisitudes constitúe o meollo dun libro que se nos fixo urxente e que nace xa vello de tanto como corren os bárbaros tempos presentes: Orella, máis orella!... Morra o flit!.

Llorenç Barber

Transita dende as moi vangardistas proposicións fillas do futurismo ruso ou o disoluto dada-Cage-Fluxus, ao festivo urdir (ouvir é urdir) celebracións sónicas mediante distancias, campás e bandas (concertos de cidade), ‘de sol a sol’ (berreas, armónicos e auroras), Naumaquias, Concertos dos sentidos, Músicas volantes, Músicas de balcón, ou escritos e reflexións desde onde pontifica que o mundo é a nosa orquestra e a vida é nosa singular, ás veces intensa, parti(tor)tura.

Montserrat Palacios

Etnomusicóloga, semióloga musical e cantante. Especializouse no estudo das músicas vogais de tradición oral, e escribiu os libros Una mirada a la boca del son. Memoria histórica e identidad sonora de Quito, Ecuador, a través de sus campanas, e De lo dicho el silencio o la certeza y el desliz. La canción cardenche, un estudo sobre as heterofonías vogais do norte de México. É coautora da obra radiofónica ‘De campanas y badajos o sobre el amor’, encargo da Saarländischer RUNDFUNK, e compositora da obra escénico-vogal ‘Coser y cantar’, un dúo para máquina de coser Singer e voz (two singers).

Descargar todas as imaxes