Escoitar

Os concellos españois piden melloras sociais, de emprego e financeiras ao Goberno de España

O alcalde de Vigo e vicepresidente da FEMP, Abel Caballero, participa hoxe martes en Madrid en sendas reunións cos voceiros dos grupos parlamentarios para presentarlles as enmendas dos concellos españois aos Orzamentos Xerais do Estado para 2013, básicamente orientadas a conseguir melloras sociais e de financiamento local.

martes, 23 out 2012
1350991882femp.jpg
Caballero, nunha reunión anterior da FEMP
Abel Caballero, como vicepresidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), e o presidente da entidade reúnense na tarde deste martes cos voceiros dos grupos parlamentarios para presentar as 35 enmendas dos concellos españois -acordadas por unanimidade- aos Orzamentos Xerais do Estado para 2013.

O alcalde de Vigo explicou que as melloras propostas xiran en torno a catro eixos fundamentais: evitar o deterioro dos servizos públicos, eliminar as restriccións nas subvencións ao transporte público, reformar o sistema de financiamento local e implementar medidas sociolaborais.

Os municipios solicitarán ao Goberno central que permita a substitucións dos empregados públicos que causen baixa na policía, bombeiros e política social, e que non elimine as subvencións ao transporte público. Por outra banda, as propostas das administracións locais procuran mellorar o financiamento dos concellos endebedados -o que non afecta a Vigo- e que o Estado permita "prestar máis servizos" aos municipios en boa situación financeira que, adiantou Caballero, incluso poderían rexistrar superávit nas contas de 2013.

Por último, Caballero detallou algunhas propostas concretas aos orzamentos do Estado, como que o goberno central coopere cos concellos en plans de emprego locais e en programas de industrialización, máis fondos para servizos sociais, que non elimine as achegas para teleasistencia e que acometa plans de conciliación da vida laboral e familiar.
Descargar todas as imaxes