Escoitar

Caballero deu lectura a un manifesto de apoio polo Día Mundial da Saúde Mental

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este mércores nos actos organizados polo Día Mundial da Saúde Mental, na Praza do Rei, para dar o seu apoio e o do goberno local ás entidades que traballan a prol do benestar e da igualdade de dereitos do colectivo, en particular a DOA.

mércores, 10 out 2012
1349881796saudemental.JPG
O alcalde deu lectura a unha proclama na Praza do Rei sumándose así aos actos conmemorativos organizados por mor do Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra o 10 de outubro. Caballero deu lectura ao seguinte manifesto:

"CONSIDERANDO que o Día Mundial da Saúde Mental está promovido pola Federación Mundial para a Saúde Mental (WFMH) e apoiado pola Organización Mundial da Saúde para promover a saúde mental entre a poboación;

CONSIDERANDO que a Confederación FEAFES/FEAFES, á cal pertence DOA, escolleu por lema "O mellor investimento, a túa saúde mental", co propósito de que tanto as Administracións Públicas como a cidadanía sitúen a saúde mental como unha das súas prioridades.

CONSIDERANDO que a saúde mental é un aspecto básico do benestar de calquera persoa, e con todo, en moitas ocasións non lle prestamos a atención necesaria e considérase un aspecto secundario da saúde.

CONSIDERANDO que, a pesar de que unha parte importante da poboación terá algunha parte da súa vida un problema de saúde mental, estes seguen considerándose por moitos como un signo de debilidade de carácter ou de extravagancia, ou ata de perigo.

CONSIDERANDO que é preciso facer cumprir o noso ordenamento xurídico en relación á atención á discapacidade e a saúde mental, así como axustalo ás normas internacionais que regulan este ámbito.

CONSIDERANDO que a actual crise económica aumenta os riscos para a saúde mental da poboación xeral.

CONSIDERANDO que a pesar dos avances nos últimos anos, aínda deben mellorarse os recursos de atención en saúde mental, e loitar contra a discriminación que aínda hoxe sofren moitas persoas con trastorno mental.

Eu, Abel Caballero Álvarez, Alcalde de Vigo, proclamo pola presente o 10 de outubro de 2012 como o Día Mundial da Saúde Mental no Estado e insto ao Goberno central, aos gobernos autonómicos e locais, organizacións non gobernamentais, medios de comunicación, sociedades científicas, profesionais da saúde e a atención social e a toda a cidadanía, a que:

- promovan a mellora da saúde mental xeneral da poboación;
- faciliten que as persoas con problemas de saúde mental alcancen maior autonomía e participen na toma de decisións que lles afectan, tanto persoais como colectivas;
- consideren o investimento en saúde mental como unha necesidade para o benestar xeral de cada persoa e da sociedade no seu conxunto;
- defendan o dereito a recibir unha atención en saúde mental adecuada.
- favorezan a inclusión social e fomenten a erradicación do estigma e a discriminación aínda hoxe existentes fronte ás persoas con trastornos mentais.

Por iso, insto a todos os meus concidadáns e concidadás a que participen nas actividades de celebración do Día Mundial da Saúde Mental co ánimo de mellorar o benestar na nosa sociedade".
Descargar todas as imaxes