Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
venres, 29 de xuño de 2012

Imprimir | Enviar | | Compartir:  

Últimas actuacións dos pasacalles A Magnifique Bande dos Homes sen Medo
O Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons pecha a oitava edición cos concertos de Joachim Kühn Trio e a Orquesta Voland

Un dos renovadores do jazz europeo, Joachim Kühn, e un novo e singular proxecto nacido en Galicia, Orquesta Voland. Eses son os pratos fortes da xornada de peche desta oitava edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons. O público está convocado ás 21h no Auditorio Municipal do Concello onde poderá asistir ao concerto de Joachim Kühn / Majid Bekkas /Ramón López Trio co espectáculo Out of the Desert. A entrada custa 5 euros e pode adquirirse na billeteira do recinto a partir dunha hora antes do concerto. A seguinte cita é na Praza da Constitución ás 23h coa Orquesta Voland, proxecto músico-literario cuxos artífices son o saxo Roberto Somoza e o escritor Quinito Mourelle.




www.imaxinasons.com


Nos anos oitenta o pianista Joachim Kühn (Leipzig, 1944) foi un dos renovadores do jazz en Europa, especialmente nas súas alianzas con músicos como Daniel Humair e Jean-François Jenny-Clark. Trátase dunha das figuras máis relevantes do jazz en Europa, que combina a súa faceta musical co seu traballo como pintor. Para Imaxina Sons é unha honra contar con el no programa da oitava edición, acompañado de dous grandísimos músicos como son o batería Ramón López e o guitarrista marroquino Majid Bekkas, mestre de instrumentos tradicionais como o guembri, o oud e a kalimba, que, ademais, achega a súa característica voz a este trío.

O primeiro traballo editado por esta alianza de músicos chamouse Kalimba (ACT 2007), considerado un dos mellores discos de jazz de Europa en 2007. Dous anos máis tarde, os tres músicos percorren durante un mes o deserto do Sahara nunha experiencia que os conducirá ao segundo traballo en común, Out of The Desert (ACT, 2009), no que introduciron ritmos bereberes, marroquinos e de Benin. Chalaba (ACT 2011) supuxo a continuación da súa investigación nos ritmos norafricanos e a constatación das extraordinarias pontes existentes entre o jazz e os sons de África. Pianista de formación clásica, Joachim Kühn deixouse levar a principios dos anos sesenta pola liberdade creativa do bebop e, abraiado pola obra de John Coltrane, promove varias formacións de jazz para tocar de xeito profesional. Nos anos setenta xa toca por todo o mundo co grupo de Jean-Luc Ponty. Nos anos noventa encabeza a formación Special Quartet con Joe Lovano, Adam Nussbaum e J.F. Jenny-Clark. Traballa ademais con Michel Portal, Dave Liebman e Ornette Coleman. Desde hai máis de dez anos reside en Ibiza e continua en activo en diversos proxectos musicais así como na súa faceta pictórica.

A viaxe musical por Europa que propón a Orquesta Voland apóiase en dous pés. Un deles estaría construído coa música de Roberto Somoza; o outro, coa escrita de Quinito Mourelle. E entrambos, un abano de cores, sons e culturas que constitúen esta orquestra nacida na Coruña en 2011 e que agora presenta o seu primeiro disco-libro. Uns cantos pasos son os que hai entre os ritmos balcánicos e a muiñeira, entre o folclore e o jazz. A Orquesta Voland, que toma o nome do protagonista da novela do escritor ucraíno Mijaíl Bulgákov, pono de manifesto con esta viaxe musical e literaria titulada Oito pezas europeas, que suben ao escenario a partir das 23h na Praza da Constitución.

Roberto Somoza (Londres, 1971) posúe unha formidable capacidade de traballo alén do seu talento creativo. O seu saxo pode escoitarse nas gravacións discográficas de numerosos artistas, desde o jazz até o pop e o rock. A formación como músico de Roberto Somoza está vinculada ao Conservatorio de Música da Coruña, onde realizou estudos de clarinetista, teoría musical e harmonía e onde, bastantes anos máis tarde, exerce de profesor de saxofón. Comezou tocando o saxo na adolescencia de forma autodidacta e máis tarde pasaría a estudar con prestixiosos músicos como Pedro Iturralde, Benny Wallace, Chucho Valdés, James Williams, etc. Somoza pertence á xeración que desenvolve o jazz en Galicia a partir do caldo de cultivo creado nos anos oitenta por proxectos tan emblemáticos como Clunia, formación á que se uniría xa no século vinte e un xunto cos membros orixinais. Xunto a el neste novo proxecto mestizo sete músicos galegos (Alfonso Morán Rubén Deschamps, Rubén Montes, Xocas Meijide, Rafael Espido, Juán Pérez e Jesús Sánchez), o búlgaro Nikolay Velikov e a moldava Galina Botnar. E, por suposto, o músico e escritor Quinito Mourelle, ideólogo xunto a Somoza, nesta iniciativa na que vai introducindo como fío condutor unha serie de historias nas que os protagonistas son os propios músicos de xira por Europa. Nesa aventura atravesan Bulgaria, Romania, Moldavia, Ucraína, Polonia, Alemaña, Francia e España expresando as súas emocións e experiencias nas fronteiras entre o folk e o jazz.

Nesta xornada de peche da oitava edición de Imaxina Sons a oferta complétase cos pasacalles de A Magnifique Bande dos Homes sen Medo e co segundo concerto que, dentro de Jazz na Noite, dá o quinteto de Alberto Vilas no Xancarajazz a partir das 01.30h, con entrada libre.


Nota importante: As entradas para Joachim Kühn / Majid Bekkas /Ramón López Trio Out of the Desert no Auditorio Municipal do Concello custan 5 euros e poden ser adquiridas desde unha hora antes do inicio do concerto na billeteira do recinto.
Mais noticias
O goberno local regulariza e asume a propiedade de 50 vivendas en Rosalía de Castro
Caballero apunta que o Festival Aéreo de Vigo é o "acto lúdico que congrega máis xente de toda Galicia"
O alcalde avanza a construcción dun "gran corredor verde entre Coia e Samil"
Manel Fernández subliña que a Ría abre a tempada de traiñeiras coa Bandeira Concello de Vigo 
Samil, único areal de Galicia que terá este verán todos os Campionatos de Galicia de deportes de praia
Dispositivo de acceso ao baño para persoas con mobilidade reducida nas praias de Samil e Vao
CONVOCATORIA PARA O ANO 2012 DO "PROGRAMA DE AXUDAS MUNICIPAIS Á CREACIÓN DE EMPRESAS"
CONVOCATORIA PARA O ANO 2012 DO "PROGRAMA DE AXUDAS MUNICIPAIS Á CONTRATACIÓN"
Bases de solicitudes de actuacións para o XVIII Festival Folclórico Internacional


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003