Escoitar

O alcalde recibe con "satisfacción" a decisión de Fomento de incluír Vigo como porto nodal na proposta de rede transeuropea

O rexedor amosou esta mañá de xoves a súa "satisfacción" pola decisión do Ministerio de Fomento de incluír Vigo como porto nodal da proposta de rede transeuropea, seguindo a planificación do Goberno anterior. Trátase, indicou, dun bo paso "que nestes momentos permite a Goberno central, Xunta, Porto e Concello avanzar xuntos".

xoves, 16 feb 2012
A decisión do Ministerio de Fomento de incluír Vigo como porto nodal na proposta de rede transeuropea foi recibida con "satisfacción" polo Goberno local que, en verbas do alcalde, é un grande paso aínda que agora ten que ser ratificado por Europa. "Nestes momentos, tal e como lle trasladei ao delegado do Goberno, Executivo central, Xunta, Porto e Concello temos que avanzar xuntos", manifestou.

Recordou que a rede ferroviaria de carga xa está incluída no trazado e destacou que o tramo de alta velocidade Vigo por Cerdedo tamén forma parte da rede por vía de corrección de erros. En referencia ao porto nodal, ademais de reiterar a súa satisfacción, lembrou as dúas grandes vías que ten Vigo para ser nodal: ser porto principal europeo de pesca ou ser cabeza de autoestrada do mar.
En alusión ao aeroporto, Abel Caballero instou ao departamento de Fomento a incluír Peinador sempre que se refira aos aeroportos galegos "porque Vigo quere estar presente", recalcou.