Escoitar

O alcalde propón á Xunta construir unha condución de emerxencia para solventar o problema de abastecemento de auga

Abel Caballero anunciou hoxe martes a proposta municipal para "anticiparse" a posibles problemas de abastecemento de auga en Vigo e comarca, que pasa porque a Xunta de Galicia constrúa unha vía de emerxencia desde a confluencia dos ríos Oitavén e Verdugo ata a condución do encoro de Eiras. Para solventalo de xeito definitivo, Caballero insta ao Goberno de España a realizar unha condución permanente do Verdugo ata Eiras.

martes, 11 out 2011
1318336489caballero.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, propuxo este martes unha dobre via para solventar o problema de abastecemento de auga en Vigo e na súa área metropolitana.

"Hai que anticiparse", apuntou o rexedor, que avogou porque a Xunta de Galicia realice un "reforzo por vía de urxencia do sistema de abastecemento" construíndo unha vía desde a confluencia dos ríos Oitavén e Verdugo ata a condución do encoro de Eiras, mediante algunha das tres opcións técnicas plantexadas polo Concello. Esta vía cubriría o 60% do consumo diario de agua da cidade viguesa.

Esta opción é "asumible" de emerxencia pero non pode ser definitiva xa que ten un "custo altísimo" de mantemento, porque os gastos de bombeo ascenderían a 4.200 euros por día. Para solventar eventualidades como esta de xeito definitivo, o alcalde remitirá unha carta ao Ministerio de Medioambiente e a Acuanorte solicitando o interese xeral da condución do Verdugo ata Eiras, pese a ser "competencia e obriga da Xunta de Galicia".

Abel Caballero ofrece empregar parte da rebaixa no prezo de adxudicación da Estación Depuradora de Augas Residuais de Vigo, duns 30 millóns de euros, nesta obra para "ter resolto definitivamente o problema de abastecemento de auga en Vigo" e na súa comarca, cunha poboación equivalente de 800.000 persoas.
Descargar todas as imaxes