Escoitar

Caballero avoga pola educación como "a mellor solución" para enfocar a integración da comunidade xitana

O alcalde de Vigo e a Fundación Secretariado Xitano rubricaron este martes o tradicional convenio de colaboración polo que o Concello achega 16.000 euros á entidade para mellorar as capacitacións sociais, formativas e laborais do colectivo. Abel Caballero avanzou que, de cara a próximas medidas conxuntas, goberno local e Fundación priorizarán completar o ensino obrigatorio dos estudantes xitanos, ante o elevado índice de fracaso escolar que rexistran.

martes, 13 set 2011
1315917137gitano.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, adiantou este martes que o goberno local enfocarase na educación como "a mellor solución" para avanzar na integración da comunidade xitana.

Tras un convenio asinado hoxe entre o Concello e a Fundación Secretariado Xitano, Abel Caballero explicou que o próximo obxectivo será traballar para que os estudantes de etnia xitana remate os seus estudos obrigatorios, ante o elevado índice de fracaso escolar que rexistra o colectivo na actualidade.

Este novo plantexamento foi posto enriba da mesa pola Fundación, proposta que o alcalde fai propia e delegará na primeira tenente de alcalde, Carmela Silva. A "necesidade de apoio" á formación será tamén compatibilizada coa atención ás familias, segundo explicou Abel Caballero.

Segundo o acordo rubricado esta mañá, o goberno local destinará 16.000 euros a mellorar a inserción social, formativa e laboral da comunidade xitana en Vigo, facilitando a súa integración e a incorporación ao mercado laboral.
Descargar todas as imaxes