Escoitar

Caballero asegura que a licitación por 29 millóns de obras da estación do AVE de Urzáiz é "un dos grandes fitos da cidade"

O alcalde de Vigo definiu este venres como "un dos grandes fitos da cidade" a licitación, aprobada onte en Consello de Ministros do Goberno, de obras da nova estación do AVE de Urzáiz por valor de 29 millóns de euros, a segunda licitación xa liberada. Abel Caballero apuntou que a continuidade de José Blanco na carteira de Fomento é "a mellor garantia" da Alta Velocidade viguesa.

venres, 9 set 2011
1315572827Imagen010.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou como "un dos grandes fitos da cidade" a licitación de obras na futura estación do AVE en Urzáiz por valor de 29 millóns de euros.

O Goberno de España licitou onte en Consello de Ministros obras da nova estación do AVE en Urzáiz por 29 millóns, paso previo á colocación da primeira pedra que terá lugar en "próximos días", segundo afirmou o alcalde. Caballero recordou que a estación, cun custe total de 200 millóns, xa ten dúas fases "en marcha" por valor de "70 ou 80 millóns".

Trátase para o rexedor de obras que arrancan e "indefectiblemente continúan" e que constatan o "bo avance" da estación do AVE de Vigo. Caballero vencellou esta nova licitación á obra "practicamente acabada" de cara á extracción das tuneladoras que teñen o túnel de acceso case rematado, e "dentro de pouco" licitarase a parte superior da estación, deseñada por Thom Mayne. Vigo atópase en "fase irreversible" para a chegada da Alta Velocidade, aseverou.

Caballero concluíu eloxiando a laboura de José Blanco á fronte do Ministerio de Fomento, en particular no relativo aos proxectos de Vigo, e defendeu que o lucense é "a mellor garantía" para o AVE vigués.

Peinador
Abel Caballero asegurou hoxe venres que a apertura do aeroporto de Vigo para as mercancías será as 24h, "e ahi empeña o alcalde a súa palabra". Previa petición das empresas, as operacións de carga non terán límite de horario en Peinador. Así o dixo Caballero tras asistir a unha conferencia do Ministro de Fomento en Santiago, onde Blanco fixo "unha aposta moi decidida polo novo aeroporto de Vigo e mercancías desde Vigo".
Descargar todas as imaxes