Escoitar

O alcalde anima ao deporte vigués a "competir e gañar" na presentación do novo carné Siareiro

O rexedor municipal amosou hoxe xoves no Verbum a súa satisfacción polo esforzo que fan día a día os deportistas vigueses "porque son o mellor desta cidade", así o indicou durante a presentación do Programa Siareiro, acto no que reiterou a vocación do Concello de impulsar o deporte en Vigo "nun momento no que temos oito clubs en categorías de élite". Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Gallego, Caballero agradeceu tamén a patronos e directivos o seu apoio e dedicación.

xoves, 1 set 2011
1314889357vide.JPG
O auditorio do museo Verbum-Casa das Palabras abarrotouse hoxe xoves cunha gran representación de directivos, técnicos e deportistas dos clubs do programa Siareiros para asistir á presentación da campaña 2011/2012 do carné Siareiro. Na súa intervención, o alcalde da cidade, Abel Caballero, amosouse "moi satisfeito" polo que estaba a ver, "unha marea de camisetas, de anagramas, de deportistas", e tivo palabras de respecto para todos eles e elas, que "sodes o mellor desta cidade, facedes que o deporte estea vivo, teña corazón e rostro".

No acto, o concelleiro de Deportes e presidente de VIDE, Manel Fernández, asegurou que "o obxectivo é que o proxecto colla forza e vigor" e dixo que Siareiros "aúna vontade e compromiso". Segundo el, se este ano houbo uns 7.800 siareiros e siareiras no programa entre Elite e Base, "imos procurar superar esa cifra esta tempada e vou ser atrevido: ímola a superar en bastante". Para elo pediu o "compromiso" dos clubs.

Á presentación asistiron representantes dunha trintena de clubs adscritos ao programa Siareiros Elite (doce entidades) e Club (22 entidades de base). O carné Siareiros Elite, iniciativa única en España, supón ser abonado de doce equipos de primeira liña pagando un prezo económico. Esta tempada dáse a circunstancia histórica de que oito dos conxuntos do programa Elite militan na máxima categoría das súas respectivas modalidades (Aldasa Amfiv, Academia Octavio, Celta Bosco, C.V. Vigo, El Olivo, Iveco Universidade de Vigo, Halcones e Vigo Stick).

O alcalde quixo deixar constancia da importancia que teñen os patróns nesta iniciativa da Fundación VIDE "porque sabemos os tempos difíciles nos que estamos", dixo, polo que deu maior valor se cabe ao apoio de Novacaixagalicia, PSA Peugeot Citroën e Pescanova. María José Táboas e Jorge Santos representaron no acto a PSA e á caixa, e deses dous patróns de VIDE asegurou que "están enrraizados na cidade e por encima de todo son de Vigo". El alcalde, que definiu o acto como "a gran festa do deporte", anunciou que neste cuadrienio "vai haber moito máis esforzo municipal para apoiar ao deporte, aínda que nos catro anos anteriores fíxose un magnífico traballo". E ademais adiantou que "a porta do meu despacho está aberta para todos os que participades no deporte vigués".

O rexedor tivo tamén unha lembranza especial "para os directivos que se encargan de levar adiante os clubs. Sei dos abafos que pasan e as súas dificultades. Esta cidade débelles a gran homenaxe aínda porque arriscan non só tempo, esforzo e calidade de vida, senón tamén o seu patrimonio".

Durante o acto, catro deportistas locais relevantes leron un manifesto de compromiso do deporte vigués co programa Siareiros. Baixo o título "Vigo, co deporte", Miriam Pérez, campioa de Europa infantil en patinaxe artística, Laura Llópiz, bicampioa do mundo de vaurien, José Antonio Fernández, "Cerillo", capitán do Academia Octavio de balonmán, e Enrique de la Fuente, campión de Europa de voleibol con España en 2007, manifestaron que "é un luxo ao alcance de moi poucas cidades ter oito equipos na división de honra", recoñeceron que "o traballo de canteira é calado, sacrificado e educativo" e que "o esforzo de deportistas e clubs necesita ser compartido por unha afección fiel porque non hai brillantez nunha vitoria sen aplausos e porque son a pedra angular de calquera proxecto". De la Fuente pechou o manifesto recordando que "só dende a unidade poderemos presumir de logros futuros que engadir aos moitos pasados".

O carné Siareiro Elite está á venda a través dos clubs do programa. O prezo vai dende os 15 euros (infantil) ata 150 euros familiar. O prezo segue conxelado e ademais incorporáronse outras modalidades, como o carné para parado, pensionista e familiar especial (unidades familiares que non chegan a unha determinada renda anual. Segue a existir un ano máis o carné Siareiros Club, no que por 6 euros o socio apoia ás entidades de base e VIDE paga os seus adestramentos en instalacións deportivas municipais.

Premios Siareiros 2010/2011
Durante o evento entregáronse os premios Siareiros da tempada pasada. O de mellor afección foi para as do Octavio e do Celta Bosco, polo seu apoio incondicional nos meses nos que o equipo académico xogábase o ascenso á Asobal, e polo traballo realizado en especial durante o Campionato de España de baloncesto infantil, en Vigo. Ademais, o mellor club Siareiro Base foi o Maniotas, organizador da Copa do Mundo de ximnasia estética, e o de Elite para o Club Vigo Voleibol, que se mantivo na Superliga.

No punto final do acto, o alcalde pediu a equipos e deportistas que "poñan o que sabedes facer, competir, ser mellores e... gañar. Porque digan o que digan, gañar é estupendo".




Descargar todas as imaxes