Escoitar

O Festival Son de Vigo encherá a Praza da Constitución e o Auditorio de Castrelos de artistas vigueses

O rexedor, Abel Caballero, compareceu hoxe venres en rolda de prensa rodeado dalgúns dos artistas vigueses que conforman o cartel de Son de Vigo. Trátase dunha semana de concertos que se desenvolverán a semana que vén na Praza da Constitución e no Auditorio de Castrelos, actuacións que serán presentadas, respectivamente, por Tony Lomba e Manuel Manquiña.

venres, 29 xul 2011
1311943261sondevigo.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe venres Son de Vigo, unha iniciativa enmarcada dentro das Festas de Vigo que albergará a actuación de artistas vigueses na semana que vén. Acompañado por Tony Lomba e Manuel Manquiña, entre outros cantantes, o alcalde agradeceu "a estes artistas de primeiro nivel a súa participación nestas festas" e animou a toda a cidade a participar dos concertos, que se desenvolverán os días 3, 4, 5 na Praza da Constitución, a partir das 22,30 horas, e no Auditorio de Castrelos o sábado 6, a partir da mesma hora.

Caballero fixo unha defensa a ultranza das festas de Vigo, ás que considerou como un "elemento vertebrador, un lugar de encontro e unha forma conxunta de entender o noso propio devenir como vigueses". Insistiu en que as festas "fan cidade" e definiuse como un gran de defensor destes eventos,"non so das festas centrais, -matizou- senón tamén das de todos os barrios e parroquias". O alcalde augurou "tal éxito do festival" que probablemente teña continuidade nos próximos anos.

Na súa intervención, explicou que Vigo é unha cidade industrial na que tamén ten cabida "a creatividade da que hoxe estou rodeado", dixo, en alusión aos artistas cos que compareceu en rolda de prensa. Rematou felicitando á concelleira de Festas, Isaura Abelairas, e declarándose "fan de Manquiña".

Pola súa banda, o actor e músico vigués quixo resaltar da capacidade de Vigo para xerar artistas e loubou a decisión da Concellería de Festas de organizar un festival con artistas vigueses.

O programa da Praza da Constitución, presentado por Tony Lomba, contará o mércores, 3, coa actuación de El Puto Coke- Wöyza; o xoves, 4, con Leo Iarremecahona-Alféizar; e venres, 5, con Amaro Ferreiro-Abraham Boba. O sábado o escenario será o Auditorio de Castrelos e será Manuel Manquiña o que de paso as actuacións de Ragdog; Costas (Miguel Costas); Eladio y los seres queridos e Iván Ferreiro.
Descargar todas as imaxes