Escoitar

O Concello remite á Xunta de Galicia o proxecto de construción do parque temático de Castrelos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe venres a aprobación en Xunta de Goberno Local da remisión do proxecto municipal de construción dun novo parque temático no Parque de Castrelos. O rexedor explicou que o goberno local require da Consellería de Cultura que informe sobre a ubicación desta iniciativa, ao estar catalogado como Ben de Interese Cultural.

venres, 22 xul 2011
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres da remisión á Xunta de Galicia do proxecto de construcción dun parque temático no Parque de Castrelos.

O executivo vigués aprobou esta mañá en Xunta de Goberno Local a remisión deste proxecto municipal á Consellería de Cultura do goberno autonómico, ao tratarse o recinto de Castrelos dun Ben de Interese Cultural (BIC).

Abel Caballero explicou en rolda de prensa que a contratación desta iniciativa lúdica inclúe a cláusula condicionante dun informe previo favorable emitido por Cultura.

Humanización na Avenida de Castelao
O alcalde de Vigo tamén informou da aprobación en Xunta de Goberno Local do proxecto de humanización do treito da Avenida de Castelao que abrangue entre o número 1 e o 9 do devandito vial.

O goberno local inviste nesta mellora 125.000 euros, tras detectar que o sistema de redes soterradas -abastecemento, saneamento e pluviais- "eran unha calamidade", e elevou o orzamento para melloralas. O obxectivo do Concello é "completar a humanización" da rúa, indicou Caballero.

Marisquiño
Caballero tamén indicou que o goberno local concedeu os permisos precisos para a celebración do Marisquiño, e recordou que o Concello de Vigo achega para a celebración do evento os 170.000 euros do concerto que ofrecerá Bad Religion na cidade olívica.