Escoitar

Caballero confirma a cesión de 20 litros de auga por segundo a Baiona e anuncia un plan de consumo responsable

O alcalde de Vigo anunciou hoxe mércores a decisión, tras estudala cos técnicos, de ceder 20l/sg de auga a Baiona para paliar os seus problemas de abastecemento; unha cesión condicionada ao volume de auga que vaia rexistrando periódicamente tanto o encoro de Zamáns como o de Eiras, porque "a prioridade é a auga desta cidade". Caballero tamén tomará coma "referencia" a conexión do rio Verdugo a Eiras, cuxa obra reclama á Xunta de Galicia para garantir o servizo no caso dun outono seco.

mércores, 29 xuñ 2011
1309352843Imagen004.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este mércores que "cooperamos encantados" con Baiona e deu instruccións para cederlles 20 litros por segundo de auga, ao tempo que avanzou a elaboración dun plan de consumo responsable na cidade.

En declaracions aos medios, Caballero asegurou que "de forma inmediata" Vigo procederá ao trasvase de auga a Baiona, que manterase mentres os niveis de auga dos encoros da cidade o permitan. O alcalde afirmou que estarán "moi atentos" por "precaución" á evolución do caudal porque "a prioridade é a auga desta cidade", aínda que "cremos que non haberá problemas".

Coma "referencia", que non condición, Abel Caballero vencellou a continuidade da decisión á construcción do azud entre o rio Verdugo e Eiras -que é "obriga" da Xunta de Galicia-, para que poida surtir de auga ao encoro de ser preciso, adiantándose así á eventualidade dun outono seco que sitúe en risco o abastecemento da poboación viguesa. O primeiro edil asegurou que a conexión podería estar rematada en outubro.

O alcalde de Vigo adiantou que a Concellería municipal de Fomento está a elaborar un plan de consumo responsable que permita á cidade aforrar auga, como medida preventiva. Caballero presentará o contido desta proposta en próximos días, segundo aseverou.
Descargar todas as imaxes