Escoitar

Iolanda Veloso pechou o ciclo "Muller e sáude integral", que apostou pola actividade física como beneficio indiscutible

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, clausurou este xoves o ciclo muller e saúde integral, que entre abril e maio desenvolveuse na Casa das Mulleres e que rematou cunha conferencia sobre os beneficios do deporte para a saúde da muller.

xoves, 26 mai 2011
1306412593m5.JPG
A edil nacionalista subliñou que a Casa das Mulleres, "cunha programación estable e actividades, ademais de colaboracións con outras asociacións, é xa un referente", dixo, e defendeu a necesidade de continuar traballando neste aspecto "porque as mulleres seguimos sufrindo desigualdades". Iolanda Veloso amosouse satisfeita de contribuír con este ciclo "a explicar asuntos que non se tratan habitualmente" e manifestouse "convencida de que o deporte é saúde e os seus beneficios tamén teñen que estar vistos dende a perspectiva de xénero porque a muller ten os seus problemas de saúde específicos". A concelleira pediu aos asistentes que "actúen de altofalantes para que esta mensaxe chegue á contorna de cada un".

A continuación, Laura Magdalena, directora xerente da Fundación VIDE, deu paso a cada un dos relatores e relatoras. Abriu as intervencións Elías Festa, experto en medicina deportiva, que incidiu en que "a actividade física é saúde e o deporte é unha consecuencia". Festa está convencido de que "a muller debe realizar sempre actividade física, só que co programa adecuado para cada momento e as súas particularidades". Dende a súa experiencia, o galeno detectou "numerosos problemas de costas en nenas de 15-16 anos porque nos últimos anos creceu moito a talla media das mulleres pero non dinamizamos a estrutura muscular que soporte á ósea", e pediu "un esforzo" aos seus compañeiros de profesión para que "saiban individualizar os casos".

Mercé Barrientos, presidenta da Federación Galega de Taekwondo, explicou que a publicidade "creou un modelo de muller irreal e sedentario" e insistiu en que "hai que acabar coa idea de que o deporte feminino masculiniza". Como profesora de Educación Física, Barrientos detecta que "o primeiro paso debe ser educativo, porque se observa que no tempo libre os nenos ocupan todo o espazo de mecer mentres as mulleres non o fan", todo o contrario. Cre que ese é o primeiro aspecto a cambiar. Para ela, "a muller debe gozar do tempo de lecer con actividades atractivas que nos supoñan un pracer e, ademais, que sirvan para socializarse". A dirixente considera que "así se creará unha permanencia que formará un hábito". Ademais, "o deporte fomenta a autoestima".

As fisioterapeutas Marta Goce e Nati Pérez desvelaron que o 75% dos pacientes que pasan polas súas mans na Unidadde de Fisioterapia "son mulleres", que as dores de costas "son o segundo motivo de acudir á consulta médica" e que dous terzos das persoas que tratan son mulleres, maioritariamente maiores de 50 anos… e padecen de costas. Con estes datos, as dúas se mostran convencidas de que a práctica dunha actividade, e citaron opcións tan sinxelas como natación, ximnasia acuática, taichí ou pilates, "fortalece os músculos e os ósos; entón as consultas por doenzas físicas reduciríanse á metade".

Marta Fernández, atleta e psicóloga, considerou que a práctica de exercicio "proporciona un benestar non só físico, senón tamén mental e psicológico", e advertiu de que "facer deporte para pasalo ben, para gozar, é un amortiguador contra a ansiedade ou a tensión". Para rematar, Tamara Abalde, xogadora viguesa internacional de baloncesto, explicou que "o deporte profesional está fóra dos termos saudables", coincidindo con Marta Fernández, "porque sometemos o corpo a esforzos que deixan de ser sans". Abalde lembrou que cando estivo un ano parada por un edema óseo no nocello, "o factor psicolóxico foi moi importante para a recuperación" e que "as lesións tamén che achegan madurez".

A Fundación VIDE colaborou na organización da charla.
1306412593m5.JPG
1306412615mullerdeporte.jpg.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información