Escoitar

O tenente de alcalde expresa a súa satisfacción polo incremento das vendas no mercado provisional de O Progreso

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez, visitou este venres as instalacións provisionais do mercado de O Progreso, que permanecerá na praza superior o tempo que duren as obras de remodelación. O nacionalista amosou a súa satisfacción polo incremento do 20% nas vendas, que segundo os vendedores e vendedoras deste mercado municipal se rexistraron onte despois de realizar o traslado á zona superior.

venres, 6 mai 2011
1304687726mercado.JPG
"Temos un firme compromiso na aposta polo pequeno e mediano comercio, que pasa pola modernización e reforma dos mercados da cidade", asegurou Santi Domínguez durante a visita. Estas obras de remodelación contan cun investimento de 4,5 millóns de euros e súmanse as axudas directas concedidas ao pequeno e mediano comercio pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio.

O tenente de alcalde manifestou tamén o seu compromiso a solventar no mellor prazo de tempo posible as cuestións que os e as comerciantes detecten neste mercado provisional. "É a nosa intención proporcionar todas as facilidades que os vendedores precisen no tempo que dure a súa estadía nesta zona para que o seu traballo se desenvolva do mellor xeito posible", afirmou Santi Domínguez.

Segundo o concelleiro de Comercio, a reforma do mercado de O Progreso é exemplo da "estreita colaboración" entre a administración local e a xerencia, da que é responsable Raúl Fontán. Neste sentido, o xerente sumouse aos agradecementos expresados polos responsables dos establecementos polo seu interese no bo funcionamento das instalacións e a súa política de apoio ao pequeno comercio, que en Vigo xera máis de 16.000 postos de traballo.
Descargar todas as imaxes