Escoitar

O Pleno aproba o regulamento e a ordenanza para a posta en marcha do servizo de bicis eléctricas no Casco Vello

O Pleno da Corporación municipal aprobou hoxe luns por unanimidade o regulamento e a ordenanza do servizo de préstamo das bicicletas eléctricas da cidade, que inicialmente funcionarán no Casco Vello. Na súa intervención o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, anunciou que este servizo será o complemento do bus eléctrico que empezará a funcionar a semana que vén e será "o primeiro para o transporte público de Galiza". Segundo dixo o concelleiro nacionalista, a aposta pola mobilidade e pola utilizacións de transportes alternativos é un paso máis na aposta do tenente de alcalde, Santi Domínguez, pola recuperación do Casco Vello.

luns, 25 abr 2011
"Do mesmo xeito que o BNG demostrou que a aposta polas humanizacións era posible en Vigo, tamén imos demostrar que é posible utilizar un sistema de transporte alternativo como son as bicicletas", asegurou Eudosio Álvarez. Pese a que o regulamento do servizo de bicicletas refírese a súa utilización no Casco Vello, o concelleiro de Patrimonio Histórico destacou que esta ordenanza tamén pode servir para aplicar en toda a cidade e adiantou que será o obxectivo do vindeiro mandato.

Eudosio Álvarez destacou que foi aposta do tenente de alcalde a revitalización do Casco Vello e manifestou que este compromiso non só quedou de manifesto coa humanización de rúas, a mellora de servizos ou a rehabilitación de edificios, senón que "fomos máis alá, poñendo en marcha medidas para favorecer a mobilidade". Segundo o concelleiro nacionalista, "durante estes catro anos fíxose un esforzo na rehabilitación do Casco Vello como nunca antes se fixera".

A ordenanza aprobada hoxe recolle que os prezos do préstamo das bicicletas eléctricas son de 15 euros para o abono anual para as persoas físicas, que inclúe a tramitación da alta e 30 horas de utilización; 10 euros para o abono do último cuadrimestre do ano para persoas físicas, que inclúe tramitación da alta e 12 horas de utilización; 1 euro por cada 2 horas ou fracción de uso. No tocante ás empresas do sector turístico, a tarifa do abono anual é de 40 euros, e inclúe tramitación da alta e 60 horas de uso; e o abono para o último cuadrimestre do ano, que inclúe alta e 25 horas de utilización é de 20 horas. Pola súa banda, a tarifa de recargo pola demora na devolución da bicicleta, por cada media hora ou fracción de exceso das dúas horas máximas de uso é de 2 euros.

As persoas que queiran empregar este servizo, que deberán ser maiores de idade ou maiores de 16 anos coa autorización do seu titor legal, poderán facer a solicitude da alta no rexistro xeral do Concello, presencialmente ou na carpeta do cidadán da web municipal www.vigo.org.