Escoitar

O alcalde presentou co Ministerio de Cultura a nova mostra de Michael Lin no Museo de Arte Contemporánea de Vigo

Abel Caballero e Begoña Torres, vogal do Ministerio, participaron este venres na rolda de prensa de presentación de "Hotel MARCO", a nova mostra de Michael Lin xunto con rvr Arquitectos, que ábrese hoxe no MARCO de Vigo. O Espazo Anexo do centro reinvéntase e vive a súa maior transformación dende a súa apertura no ano 2004 como sala de proxectos, dando inicio a un novo período con esta proposta, que consiste en transformar o lugar nun cuarto de hotel con distintos usos.

venres, 8 abr 2011
1302267410marco.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este venres na rolda de prensa de presentación de "Hotel MARCO", a nova mostra do Espazo Anexo do Museo, coa participación da vogal do Ministerio de Cultura, Begoña Torres.

A partir de hoxe, o Espazo Anexo do MARCO reinvéntase e vive a súa maior transformación dende a súa apertura no ano 2004 como sala de proxectos, dando inicio a un novo período coa proposta 'Hotel MARCO', do artista Michael Lin e rvr arquitectos, que consiste en transformar o lugar nun cuarto de hotel con distintos usos.

O proxecto 'Hotel MARCO'' foi posible grazas á colaboración no proceso de produción de oito estudantes da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, logo de convocatoria de prácticas de montaxe e apoio a produción por parte de Fundación MARCO: Iris Margarita Alcaina Patiño, Laura Ilona Arha, Marta Fariña Rodríguez, Cristina Luna Ávila, Sara Martínez Soutiño, Lorena Alexandra Méndez González, Santiago Novas Otero, Yukawa Quione López Otero, coa coordinación de Frédéric Matagne, asistente do artista.

O Espazo Anexo é unha construción independente do edificio principal do MARCO, situada na praza peonil posterior, cunha superficie total duns 100 m2. Foi inaugurado en 2004 como sala de proxectos, e dende entón acolleu multitude de exposicións e proxectos, na súa maioría propostas individuais, pensadas especificamente para este espazo, e que en moitos dos casos estaban intimamente relacionadas coas características peculiares do Anexo, coa súa situación fronteiriza e de transición entre a rúa e o espazo expositivo, xogando coa dualidade interior-exterior que é característica deste lugar.

"Hotel MARCO" é un proxecto innovador que consiste en transformar o Espazo Anexo nun cuarto de hotel con distintos usos, e que toma como punto de partida a propia estrutura do Anexo, as súas connotacións, e ese frutífero diálogo entre espazo público e privado.

Michael Lin (Tokyo, 1964) é recoñecido internacionalmente polas súas monumentais instalacións de deseños florais, realizadas sobre todo tipo de superficies, e que concibe como procesos arquitectónicos, onde propón unha forma diferente de experimentar o espazo a través da pintura. rvr arquitectos é un estudio formado polos arquitectos José Valladares Durán, Alberto Redondo Porto e Marcial Rodríguez Rodríguez, que desenvolven o seu traballo en Santiago de Compostela dende o ano 2002.

A idea do proxecto xorde da oportunidade de reformar un lugar xa existente e de dotar ao museo dun espazo habitable concibido como proxecto artístico, para poder invitar a comisarios, artistas e investigadores a coñecer o noso contexto, dentro dun programa de residencias. Ademais, calquera persoa interesada poderá utilizalo como cuarto de hotel propiamente dito, logo de reserva e pagamento de tarifa, e gozar da experiencia de albergarse dentro dun espazo expositivo pensado como obra de arte, e situado á vez dentro e fóra das instalacións do Museo.

A estética relacional —ideada polo teórico francés Nicolas Bourriaud para nomear un tipo de instalacións nas que a experiencia entre as persoas, a obra e a realidade conviven e definen o significado— facilita a lectura deste espazo como peza de arte, e compréndese a partir dos traballos de moitos creadores de finais dos anos oitenta e principios dos noventa. O proxecto ‘Hotel MARCO’ enténdese como lugar de intercambio social e como unha sorte de "práctica artística que toma como punto teórico e práctico o todo das relacións humanas e o seu contexto social", como diría Bourriaud.
Descargar todas as imaxes