Escoitar

Producións Acontrabutaca presenta mañá venres no Auditorio Municipal a comedia "Frantasmas"

O Auditorio Municipal acollerá mañá, 8 de abril, unha nova proposta do programa "Con T de Teatro", que organiza a Concellería de Cultura. Neste caso trátase da comedia "Frantasmas", que a compañía Producións Acontrabutaca interpretará ás 21 horas. O prezo das entradas para asistir a esta función é de 7 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.

xoves, 7 abr 2011
Baixo a dirección de David Ottone, director artístico da compañía madrileña Yllana, e interpretada por Fran Rei, Fran Campos e Fran Ameixeiras, "Frantasmas" desenvólvese nunha escenografía de medo. Un antigo casarón de estilo vitoriano reproducido a gran formato convértese nunha cámara dos horrores particular, nunha espectacular escenografía na que as cadeiras se moven soas, as chemineas ocultan escuros pasadizos e os cadros observan os inquilinos da casa prognosticando terribles asasinatos.

Ademais, nesta obra, o espectador é algo máis ca un espectador. Tórnase nun colaborador necesario que tanto pode meterse na pel dun personaxe coma exercer de dedo acusador nunha rolda policial, incluso será desencadenante directo na resolución dos feitos.