Escoitar

A Corporación concede a Medalla da Cidade á Federación de Comercio de Vigo

O Pleno da Corporación municipal respaldou por unanimidade esta concesión, e aprobou o nomeamento de sete Vigueses Distinguidos: a Asociación de Directores de Colexios Públicos de Vigo, a Fundación Banco de Alimentos, Cipriano Jiménez Casas, o Club Maniotas, a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, a Unión Musical de Valadares e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Vigo. Esta última tivo a oposición do grupo municipal do Partido Popular e foi aprobada cos votos do goberno local.

luns, 21 mar 2011
O Pleno da Corporación municipal de Vigo acordou por unanimidade a concesión da Medalla da Cidade á Federación de Comercio de Vigo, e aprobou nomear sete Vigueses Distinguidos en 2011.

A Federación de Comercio de Vigo (FECOVI) naceu o 1 de agosto de 2002 estando presidida desde entón e ata o día de hoxe por Encarna Álvarez. Fecovi ten na actualidade preto dun millar de asociados vinculados co pequeno e mediano comercio da cidade que traballan por afrontar e dar solución conxunta aos problemas que afectan a este sector.

CLUB MANIOTAS
No ano 1986 Marta Cachaza, licenciada en INEF e adestradora nacional de Ximnasia Rítmica, comezou un proxecto deportivo que segue a crecer 25 anos despois, o CLUB MANIOTAS, entidade vinculada á cidade e de onde están a saír ximnastas de elite. Desde a súa Fundación o Club mantívose no máis alto da rítmica nacional e foi quen de formar a toda unha canteira de pequenas ximnastas que suman xa máis de 500 coa Escola de Base. Ao longo destes 25 anos acadaron un currículo de éxitos deportivos. A aposta polas bases e a transmisión dos valores do deporte asentan as bases de este club.

AGRUPACIÓN DE CENTROS DEPORTIVOS E CULTURAIS
Fundada o 7 de marzo de 1995 a iniciativa de varios centros culturais da cidade de Vigo a entidade desenvolve unha labor encamiñada a difundir cultura á cidadanía viguesa. Entre os fins desta agrupación destacan a representación perante organismos competentes a todas as Asociacións Federadas, acadar axudas necesarias para que cada entidade federada poida levar a cabo os seus fins ou organizar actividades e actos que teñan demanda social, entre outras. Na actualidade está integrada por 23 colectivos da cidade, tanto culturais coma lúdicos, deportivos e asociacións independentes.

BANCO DE ALIMENTOS DE VIGO
Créase en xaneiro de 1995 para cubrir as necesidades da provincia de Pontevedra aínda que as súas actividades non comezaron ata xuño do mesmo ano no que se atenderon 25 centros e asociacións repartindo 35 toneladas de alimentos mediante colectas- Operación Quilo- que se realizan en medianas e grandes superficies comerciais. Os voluntarios son os que poñen ao servizo do Banco a súa formación profesional, na súa maior parte xubilados que aportan experiencia para que funcione coma unha empresa, encargándose dos distintos departamentos. Tamén reciben axuda das persoas en activo que aportan parte do seu tempo libre.

CIPRIANO LUIS JIMÉNEZ CASAS
Nacido en Pontevedra en febreiro de 1941 este licenciado en Medicina e Cirurxía é especialista en Psiquiatría, psicoanalista didacta e vogal da Asociación de Psicoterapia Psicoanalítica Especial. Foi Director do Centro de Educación Especial MENELA, director Xeral da Fundación MENELA, presidente e fundador de AGATAPI (Asociación Galega de Terapeutas de Autismo), vicepresidente de "Autismo Galicia", presidente de la Fundación ECUMENEou membro fundador e vogal da Fundación SÁLVORA (Vigo), entre outros. Na actualidade preside Autismo Galicia.

ASOCIACIÓN DE DIRECTORES DE COLEXIOS PÚBLICOS DE VIGO (ADICOPUVI)
En febreiro de 1979 xa se reunían os directores de Vigo para reivindicar medidas de protección dos centros pola noite, facer festival das Letras Galegas... Xa en decembro de 1984 consta o primeiro arquivo de datos e que os estatutos prevén fins coma crear a Xunta Provincial de Directores de E.X.B., elaborar regulamento de réxime interno para todos os centros, mapa escolar, transporte escolar, etc. A partires de 2008 constitúese a actual asociación ADICOPUVI para representar aos directores de Vigo ante os organismos competentes.

PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBICA DE VIGO
Alianza de organizacións veciñais, sindicais, de consumidores, enfermos e outros colectivos de Vigo que nace a principio dos anos 90 para mellorar a situación sanitaria da área de Vigo e evitar agresións a mesma. A súa xeometría variable lle comporta o apoio de moi diversas organizacións que traballan en rede e non como estrutura organizada.

UNIÓN MUSICAL DE VALADARES
Fundada en 1902 por un grupo de afeccionados que, pouco a pouco, renovaron e impulsaron a banda sendo unha das poucas agrupacións bandísticas nesta comunidade que non chegou a extinguirse en ningún momento. A súa actividade iníciase na Escola de Música con nenos e nenas desde os 5 anos. Neste curso a escola de Música de Valadares conta con 162 alumnos matriculados e surte cun amplo número de alumnos aos conservatorios de Vigo nos graos Elemental, Medio e Superior. A Unión Musical de Valadares conta entre os seus compoñentes con músicos profesionais procedentes da súa Escola, directores doutras Bandas Populares, Bandas Municipais da Comunidade, mestres de música, etc. No ano 2002 conmemorou o seu centenario cun extenso programa de concertos e recentemente recolleu o Premio Nacional de Bandas de Música.