Escoitar

Xabier Alonso anuncia a apertura da inscrición para o circuíto de carreiras populares, que terá oito probas

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou hoxe a terceira edición do Circuíto Cidade de Vigo de Carreiras Populares, que comezará coa proba da Universidade o vindeiro día 27 (10 km Cidade Universitaria) e rematará coa edición número de 50 da Carreira do Pavo, o 18 de decembro.

venres, 18 mar 2011
1300457154Carreiras.jpg
O edil nacionalista, que este ano pechou algúns cambios en virtude das suxestións de organizadores e clubs para, segundo dixo, "darlle máis calidade ao circuíto", anunciou a incorporación doutra proba, os 10 kms. das Xornadas Marisqueiras (11 de setembro), que destacou organizativamente "polo traballo" do olímpico Carlos Adán.

Serán polo tanto oito carreiras fronte ás sete de 2010 e as cinco de 2009. Xabier Alonso, que mantivo unha reunión cos organizadores de carreiras para explicarlles as novidades, asegurou que os cambios son para mellorar o circuíto. Como os dous anos anteriores, haberá dez categorías, cinco masculinas e cinco femininas, e un total de 9.200 euros en premios a repartir entre os tres primeiros clasificados de cada categoría. "Poderá participar no circuíto calquera persoa censada", explicou, e os/as atletas veteranos/ás deberán anunciar na súa inscrición se queren optar ao maior premio, o promesa-senior, con 1.200 euros para o campión e tamén para a campioa, 600 para o/a segundo/a clasificado/a e 400 para o terceiro/a.

Os participantes terán camiseta técnica e diploma, este en caso de completar cinco ou máis probas. O período de inscrición comeza hoxe mesmo, na páxina de championchip (www.championchipnorte.com), oficial do circuíto, e na Fundación VIDE presencialmente. Remata o 17 de xuño. Na edición anterior 200 corredores e corredoras de todas as idades inscribíronse no circuíto, "cada vez máis consolidado", sostivo o concelleiro.
Descargar todas as imaxes