Escoitar

O alcalde inaugura a rúa Pi y Margall, cun investimento de 3 millóns de euros e 5 quilómetros de redes de servizos cambiados

Abel Caballero acudiu hoxe venres á inauguración oficial da humanización de Pi y Margall, máis de 3 millóns de euros de investimento e máis de 5 quilómetros de redes soterradas renovadas, entre o abastecemento, o saneamento e as canalizacións de augas pluviais. O alcalde agradeceu "infinito" a "paciencia" dos veciños e disculpouse polos inconvintes dunha obra "moi complicada", que ao tempo xerou unha "gran cantidade de emprego".

venres, 18 mar 2011
1300456272pimargal.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este venres a humanización da rúa Pi y Margall, un investimento superior aos tres millóns de euros e no que se renovaron máis de cinco quilómetros de redes de servizos municipais.

A actuación municipal, segundo explicou Caballero, tiña un quilómetro de lonxitude, máis de 13.000 m2 de superficie total e case 6.000 destes para beirarrúas. Ademais, como é habitual no proceder municipal, renovouse o alumeado público e instalouse papeleiras, bancos, xardineiras e arborado.

O alcalde fixo especial fincapé na renovación das redes soterradas de servizos, máis de cinco quilómetros de novas canalizacións entre as de augas pluviais, saneamento e abastecemento de auga potable. A este respecto, o rexedor apuntou que as anteriores tiñan décadas de antigüedade e eran "pura cochambre". Defendeu Caballero as melloras baixo terra xa que axudan a que "Vigo está a aguantar ben as inundacións".

Abel Caballero avanzou que, entre Pi y Margall e López Mora, a reforma deste tramo de dous quilómetros de lonxitude suma seis millóns de euros. O alcalde recordou que "neste momento pódese vir en zona prácticamente humanizada desde a Avenida de Galicia ata Samil" e "seguimos dando pasos" no proceso de transformación de "todo Vigo".

Agradeceu "infinito" o primeiro edil aos veciños a súa "paciencia" durante as obras, porque esta foi "moi complicada", con cortes da rúa non previstos e sen avisar previamente, polo que se disculpou públicamente. Ao tempo, expresou a súa satisfacción porque está a quedar un "Vigo fermosísimo" e felicitou ás empresas e aos traballadores, reiterando que nesta reforma "xerouse unha gran cantidade de emprego".
Descargar todas as imaxes