Escoitar

Patrimonio Histórico propón visitas guiadas a Pereiró como complemento á mostra de Castrelos sobre a historia de Vigo

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, presentou este xoves o programa de actividades didácticas complementarias á exposición "Vigo, século XIX: o nacemento dunha cidade", recentemente inaugurada no Museo da Cidade "Quiñones de León". O concelleiro nacionalista salientou que as visitas guiadas ao cemiterio de Pereiró que integran a proposta, dunha hora de duración e gratuítas, son un "elemento ilustrador da historia da cidade", xa que nel se atopan monumentos adicados ás figuras sobranceiras de Vigo desa época.

xoves, 10 mar 2011
1299765665Pereiro.JPG
"Estamos seguros de que co respecto que se merece un espazo deste tipo como lugar de recollemento, imos dar a coñecer e divulgar os monumentos que alí se atopan", salientou Eudosio Álvarez. Segundo afirmou o concelleiro de Patrimonio Histórico "esta será unha nova maneira de ver e entender a cidade que para algunhas persoas vai ser sorprendente".

O nacionalista destacou que agora se demostra que "Vigo ten historia", máis recente nalgúns casos, como á que se refire o contido da exposición "Vigo, século XIX: o nacemento dunha cidade", ou non tan recente como a que se amosa nos xacementos arqueolóxicos de Toralla ou O Castro. Sinalou que as visitas guiadas pódense concertar chamando ao teléfono 986 295 070.

O responsable do programa didáctico, Pedro Cordón, explicou que as visitas estarán organizadas en sete partes, que permitirán facer un percorrido temático por un total de 25 mausoleos do cemiterio de Pereiró. A Reconquista e a guerra de Cuba; a creación do cine, coas visitas ás tumbas de Cesáreo González ou o mausoleo da familia Fraga; os benfeitores da cidade, como Elduayen; e a importancia das industrias conserveiras representada nos panteóns familiares son algúns dos aspectos que se poderán coñecer no percorrido. Destacou a relevancia histórica destes persoeiros do século XIX "que axudaron a construír o Vigo actual".

"Cando organizamos o proxecto da exposición adicada á historia da cidade queriamos amosar que Vigo ten unha historia rica e fecunda por descubrir", salientou o director do museo de Castrelos, José Ballesta. Neste sentido comentou que as visitas ao cemiterio de Pereiró serán "un gran descubrimento" que permitiría detectar "o gran dinamismo da cidade no século XIX", contemplando os grandes pavillóns das familias ilustres da cidade ou os monumentos feitos mediante subscrición popular. "É unha oportunidade excelente de mirar o patrimonio vigués dunha forma nova", asegurou.
Descargar todas as imaxes