Escoitar
Igualdade

Concurso de fotografĺia dixital e microvídeos "Os dereitos das mulleres. A revolución creativa"

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, que se conmemora o día 8 de marzo, o Consello Municipal da Muller e maila Concellería de Igualdade do Concello de Vigo convocan este concurso, co fin de fomentar unha maior implicación e concienciación cidadá a favor da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres así como servir de canle para amosar as achegas que ao longo da historia fixeron e fan as mulleres ben de xeito individual ou colectiva.

venres, 4 mar 2011
Trátase dunha convocatoria libre na que poderán participar todas aquelas persoas físicas ou xurídicas maiores de dezaseis anos.

O concurso abrangue 2 modalidades: Fotografía dixital e Microvídeo.
Cada persoa participante só poderá presentarse ao concurso nunha das dúas modalidades, coa presentación dunha única obra.As obras que se presenten no concurso deberán estar en lingua galega.
As fotografías dixitais presentaranse en formato jpg, tiff, png ou jpeg e terán suficiente calidade para ser manipuladas, resolución recomendable entre 150 a 300 píxeles de calidade.

Os microvídeos presentados terán unha duración non superior a 3 minutos, o formato de presentación será exclusivamente en liña, o tamaño máximo do arquivo de vídeo será de 100 Mb e estarán nos formatos dixitais: avi, mpg, flv, wmv, vob, mp4, mov e os de alta definición: mkv, ts e m2ts,etc.

Este concurso estará dotado cos seguintes premios:
Primeiro premio: 1 por modalidade, que consistirá na entrega dun bono por importe de 500 €.
Accésit: un accésit para cada unha das dúas modalidades, en función da calidade das obras presentadas, que consistirán na entrega dun bono por importe de 250 €.

Os bonos serán para a adquisición de material e/ou dispositivos de informática, imaxe e/ou son para trocar nos establecementos comerciais indicados pola organización.

Os premios poderán ser declarados desertos, de estimar o xurado que ningunha das obras presentadas reúnen as condicións necesarias.

O prazo da admisión das obras comeza o día 07 de marzo de 2011, e finaliza o día 31 de marzo de 2011.

As persoas que concursen deberán cubrir o formulario de inscrición on-line. A/O participante garante a veracidade dos datos que achegue na ficha de inscrición.As fotografías dixitais e os microvídeos, presentaranse unicamente a través dos respectivos espazos web:
www.igualdadevigo.org/concursofotografia. e www.igualdadevigo.org/concursovideos.

As bases do concurso están á disposición das persoas interesadas na web da Concellería de Igualdade: www.igualdadevigo.org, Máis información no tlf.: 986 810 284