Escoitar

Xesus López anuncia que o Festival Isto Ferve reunirá do 4 ao 27 de marzo no Ensalle a catro compañías de longa traxectoria

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou hoxe a sétima edición do festival Isto Ferve, que terá lugar do 4 ao 27 de marzo no Teatro Ensalle. O nacionalista salientou a importancia de organizar festivais de teatro alternativo, como este certame, no que participarán catro compañías de longa traxectoria: Provisional Danza, Magrinyana, Cambaleo Teatro e El Canto de la Cabra.

martes, 1 mar 2011
1298997523Festival.jpg
"Afortunadamente, a administración local non é a única que organiza programacións culturais: as entidades privadas tamén son fundamentais neste eido e as administración públicas temos a obriga de colaborar con elas", asegurou o concelleiro de Cultura. Neste sentido felicitou aos xerentes do Teatro Ensalle, Pedro Fresneda e Raquel Hernández, "porque programar teatro e danza alternativos é arriscado, e sen eles a programación estaría coxa".

Raquel Hernández explicou que precisamente nesta época de crise apostouse por catro compañías que arriscaron hai máis de vinte por facer este tipo de teatro alternativo para o programa de Isto Ferve 2011. Sinalou que o festival comezará coa actuación de Provisional Danza o vindeiro venres ás 22 horas, que representará a obra "A fondo", que vén de representarse en Xapón, e actuará ata o día 6 de marzo. Do 11 ao 13 de marzo Magrinyana interpretará "Dende a sombra/Bufóns e pallasos". A compañía Cambaleo Teatro levará a escena "El mapa no es el territorio" do 18 ao 20 de marzo e, finalmente, El Canto de la Cabra pechará o festival do 25 ao 27 de marzo coa obra "Tierra pisada, por donde se anda, camino".

"Hai 100 anos de teatro entre estas catro compañías", afirmou Pedro Fresneda respecto ás agrupacións participantes. Asegurou tamén que seguen loitando por sacar adiante as súas producións hoxe en día igual que o fixeron hai 25 anos. No tocante aos horarios dos espectáculos explicou que os que teñan lugar os venres e sábados serán ás 22 horas e os dos domingos ás 21 horas. Sobre os prezos das entradas indicou que a entrada normal é de 9 euros e de 7 euros para estudantes, xubilados e grupos de máis de 10 persoas; tamén se pode adquirir un bono para todo o festival que ten un prezo de 24 euros.
Descargar todas as imaxes