Escoitar

O tenente de alcalde avaliará os proxectos para reformar os mercados de Teis, Cabral e o Calvario

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, recolleu hoxe luns as propostas da directiva de Mercacevi para reformar os mercados de Teis, Cabral e O Calvario. O nacionalista comprometeuse a estudar os proxectos e analizar "a forma de afrontalos para seguir co noso plan de ir, pouco a pouco, mellorando os mercados municipais".

luns, 21 feb 2011
1298305787Mercacevi.JPG
Santi Domínguez lembrou que o desde a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio estase abordando xa a reforma do mercado do Progreso e nas vindeiras semanas presentarase o proxecto da actuación que se vai desenvolver no mercado do Berbés. "O noso obxectivo é mellorar as instalacións dos mercados municipais para facelos máis competitivas, como unha peza máis do noso apoio ao pequeno e mediano comercio da cidade", indicou.

O tenente de alcalde sinalou, sen embargo, que este proceso de reformas dos mercados pode ser máis áxil si a Xunta aporta fondos para colaborar nas reformas. Santi Domínguez lembrou que, aínda que o Concello solicitou subvencións para as melloras, os recursos aportados ata agora polo goberno autonómico son moi escasos. Como exemplo citou que para a reforma do Progreso aporta só 300.000 euro dun investimento total que ronda os 4 millóns de euros e que financia o Concello. "Si hai unha colaboración importante desde a Xunta todo o que hai que facer podería facerse máis rapidamente que si non existe esa colaboración", afirmou.

O nacionalista afirmou que, con apoio ou sen apoio da Xunta, desde a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio continuarase o proceso de reforma dos mercados, "aínda que o proceso será máis lento", segundo explicou.
Descargar todas as imaxes